Lugo celebra o Día Internacional das Persoas con Discapacidade baixo o lema 'Baixo o mesmo paraugas'

LugoXa
A Praza Maior encheuse de paraugas de cores nunha xornada con colectivos, escolares e representantes institucionais que reivindicaron a inclusión e a igualdade
Día-Internacional-das-Persoas-con-Discapacidade-25-Lugo
3 Dec 2025

A Praza Maior de Lugo encheuse un ano máis de paraugas de cores para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, nun acto promovido pola Asociación Española contra o Cancro.

A iniciativa, que chegou á súa décima edición baixo o lema 'Baixo o mesmo paraugas', contou coa participación de concelleiras e concelleiros da Corporación Municipal, que acompañaron aos distintos colectivos e asociacións lucenses que traballan pola inclusión e por unha sociedade plural e igualitaria.

Case vinte colectivos estiveron presentes na lectura do manifesto, xunto a unha multitude de nenos e nenas de diversos centros escolares, nun acto que reivindicou unha sociedade diversa e que aposte pola integración e igualdade de todas as persoas.

Tras a lectura do manifesto polos membros da Asociación Española Contra o Cancro de Lugo, desenvolveuse unha marcha polas rúas da cidade con paraugas de cores, simbolizando unha sociedade diversa e plural.

A campaña deste ano, baixo o lema #Xente10, celebrouse tamén noutras cidades galegas como A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Pontevedra ou Vigo, poñendo no centro as aptitudes das persoas con discapacidade para afrontar calquera reto diario.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na xornada organizada de forma conxunta con máis de cen entidades de Galicia, destacando que “é responsabilidade de todas e todos traballar conxuntamente para construír unha sociedade máis inclusiva, na que as persoas con discapacidade conten co apoio e os recursos para desenvolver plenamente o seu proxecto de vida”. Rivera Capón lembrou tamén que na institución provincial teñen “moi clara esta premisa, apoiando as entidades lucenses que melloran a calidade de vida e promoven a plena participación social das persoas con discapacidade”.

Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou o traballo conxunto que desenvolven o Goberno galego e o tecido social para consolidar unha rede de servizos próxima e eficaz. Neste sentido, sinalou que o vindeiro ano a Xunta destinará preto de 191 millóns de euros, un 8,5 % máis que este ano, para atención á discapacidade. Ademais, a Xunta incrementará o financiamento das prazas concertadas coas entidades, facendo así fronte aos incrementos salariais derivados do convenio colectivo.

O delegado territorial asistiu tamén á presentación da xornada 'Xuntos pola inclusión', que organizan a Fundación Breogán e Cafés Candelas organizan conxuntamente para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. O evento terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o próximo 10 de decembro, entre as 10 e as 14 horas. Está aberto a todas as asociacións lucenses e inclúe distintas atraccións infantís e a actuación do Mago Rafa.

⚙ Configurar cookies
0.079327821731567