Lugo celebra o Día sen Coches con transporte urbano gratuíto e actividades de sensibilización

O Concello de Lugo sumouse este 22 de setembro á celebración do Día Mundial sen Coches cunha xornada na que o bus urbano pode empregarse de maneira gratuíta en todas as súas liñas.
O tenente alcalde e responsable de Mobilidade, Rubén Arroxo, salientou que esta iniciativa busca fomentar o transporte público e as alternativas ao vehículo privado, co obxectivo de reducir a pegada de carbono e avanzar cara a unha cidade máis sostible e amable para as persoas.
Arroxo subliñou que deixar o coche na casa e apostar polo bus, a bicicleta ou os desprazamentos a pé contribúe a construír un Lugo máis limpo e ecolóxico.
Ademais, lembrou que o ano pasado se aproveitou esta data para peonalizar de forma temporal a Mosqueira, acción que serviu para visibilizar a importancia da humanización deste espazo, actualmente en proceso de contratación das obras. Neste 2025, engadiu, o Día Europeo sen Coches servirá tamén para presentar novos proxectos vinculados á mobilidade na cidade.
A programación inclúe ademais actividades de tarde na praza Horta do Seminario, onde se instalarán postos de información sobre a Tarxeta Cidadá e as liñas do transporte urbano, así como un autobús híbrido que acollerá propostas lúdicas dirixidas ás nenas e nenos.
O Día sen Coches comezou a celebrarse en 1994 en cidades pioneiras como Reikiavik, La Rochelle e Bath, estendéndose en 1997 a todo o Reino Unido. No ano 2000, a Comisión Europea declarouno Día Europeo sen Coches, coincidindo coa clausura da Semana Europea da Mobilidade, que busca concienciar á cidadanía sobre a importancia de reducir a dependencia do vehículo privado.