Lugo celebra os 90 anos da radio cunha homenaxe impulsada polo grupo Fonmiñá

A Biblioteca Pública Provincial de Lugo, xestionada pola Xunta, converteuse no escenario dunha homenaxe aos 90 anos da radio na cidade, unha iniciativa promovida polo grupo Fonmiñá dentro da programación da Semana de Cine.
O acto serviu para inaugurar a exposición titulada “90 anos de radio en Lugo. A radio da nosa vida. A nosa vida na radio”, que contou coa presenza da deputada de Cultura, Iria Castro, e do delegado territorial da Xunta, Javier Arias. Tamén participaron recoñecidas voces radiofónicas lucenses como Tonina Gay, Paco Rivera e Chema Vázquez Losada, pioneiros do medio en Lugo. A mostra lembra ademais o nacemento oficial da emisora EAJ 68 Radio Lugo, a primeira da cidade, que iniciou a súa emisión en outubro de 1935.
Durante a inauguración tamén se evocou a figura de Marcial González Vigo, considerado un referente na creación de contidos radiofónicos, e como parte do programa proxectouse a película “A solas con Farid”.
A colaboración da Xunta coa Semana de Cine materialízase a través do apoio económico e da cesión de infraestruturas. Así, o salón de actos da Delegación Territorial acolle o ciclo de Cine galego e o de Cine de Nadal dedicado ao Belén de Begonte, mentres que a Biblioteca Pública Provincial participa co ciclo de Cine español inédito e coa mostra sobre o cartel desta edición, obra de Primitivo Marcos, que rende tributo aos 100 anos da estrea de “La quimera del oro” de Charles Chaplin.