Lugo celebra os ouros acadados por Star Dance
A tenenta de alcaldesa e edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, recibiu este luns ás compoñentes do equipo Firefeathers, da escola de danza lucense Star Dance, recentemente proclamadas campioas estatais de hip hop. O grupo, formado por oito bailarinas de entre 14 e 16 anos, e os adestradores Rubén Díaz, Héctor Díaz e Pepa Daviña, alzouse co primeiro posto da competición nacional celebrada na localidade de Narón.
Paula Alvarellos quixo trasladar os seus parabéns en nome da alcaldesa, Lara Méndez, -que por motivos de axenda non puido participar, ao atoparse na Comisión Executiva do Eixo Atlántico en Maia- e de toda a corporación “polo éxito acadado, froito do esforzo continuo e diario das integrantes do equipo e, tamén, do apoio dos pais e nais que as acompañan a cada entrenamento e competición, así como do bo facer dos adestradores”.
A concelleira subliñou que “é un orgullo para a cidade ter unhas embaixadoras coma vós pois, xunto con outros grandes deportistas de Lugo, contribuídes a dar a coñecer o noso municipio e situalo no mapa como un referente no ámbito deportivo”.
Tamén a edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, recibiu no concello ás integrantes do grupo de hip hop. Maite Ferreiro explicou que "desde a área de Cultura quixemos recoñecer o traballo da escola e das integrantes do grupo de hip hop, que nestas semanas promocionaron a gran capacidade artística coa que conta Lugo, neste caso no eido da danza".