Lugo celebra un Nadal cheo de maxia

LugoXa
Lugo Celebra un Nadal cheo de maxia e ilusión onde toda a familia conta con actividades para desfrutar durantes todo o mes
Mercado Nadal 2
4 Dec 2022

O Nadal está moi preto e a cidade de Lugo prepárase un ano máis para desfrutar deste momento cheo de maxia. Este ano Maximus, a mascota do Breogán, será a encargada de acender as luces nestas festas de Nadal. O alumeado permanecerá en funcionamento ata o 8 de xaneiro e terá un horario de 18.00 a 00.30 horas durante a semana, e de 18.00 a 03.00 as fins de semana e vésperas de festivos.

Este ano Lugo contará nas distintas rúas e prazas cun total de 189 arcos luminosos e 30 elementos ornamentais e Ademais, decoraranse 100 farolas. Entre os elementos ornamentais, destacan a instalación dunha figura en 3D na praza de Santo Domingo, preto da Praza de Abastos, que contará como mínimo con 2.600 puntos de luz e a decoración de varias rotondas da cidade con árbores de 8 metros de altura e 1.900 puntos de luz.

Noutras prazas, instalaranse outros motivos en 3D cun mínimo de 2.000 puntos de luz ou árbores de 3 metros de altura e 12.000 puntos de luz.

O percorrido do Camiño Primitivo recibirá unha decoración especial e as letras Lugo Km 100 colocadas na praza do Camiño Primitivo serán decoradas con luces. A árbore da praza Maior, fronte ao Concello, terá un mínimo de 20 metros de altura e estará ubicada sobre unha plataforma de 8×8 metros, contará cun mínimo de 3 figuras para poder utilizalo como photocall e 15.000 puntos de luz.

Acompañando a decoración das luces de Nadal este ano, por primeira vez a praza Maior acollerá un mercado municipal inspirado nos mercadiños europeos que ofrece aos negocios da cidade mostrar os seus produtos nun dos espazos máis transitados do municipio e aos visitantes a posibilidade de mercar os agasallos de Nadal. Este mercado ten como obxectivo dinamizar os barrios e promover o comercio e a hostalería local durante este período festivo.

Este mercadiño permanecerá aberto durante todo o mes de decembro en horario de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 21.00, salvo o día 24 que pechará ás 18.00, o día 31 que pechará ás 14.30 e o día 25 que permanecerá pechado todo o día. O mercado estará composto de 20 casetas de madeira que serán cedidas por quendas semanais a produtores e comerciantes lucenses onde se valorará a idoneidade e carácter de Nadal dos produtos expostos e o feito de seren produtos locais ou realizados en Galicia.

Ademais da caseta e da decoración exterior da mesma terán axuda na loxística da montaxe e contarán con asesoría personalizada tanto na decoración como nas técnicas de vendas.

O mercadiño de Nadal contará cun poboado miúdo composto por 5 casiñas decoradas coas cores de cada agrupación de barrio de Lugo que se converterá nunha zona de xogos para os máis pequenos e que ademais contará cun photocall para poder inmortalizar unha imaxe de recordo.

Tamén poderemos atopar o Fogar de Santa Claus que recollerá todas as peticións dos pequenos da casa e cando Santa Claus abandone a caseta da praza Maior para repartir agasallos, Ben Alí chegará no seu lugar. Un lugar onde o emisario dos Reis Magos estará esperando para escoitar tamén as peticións das crianzas. A praza Maior contará ademais cunha pequena fábrica de xoguetes dos elfos para que todos aqueles nenos que queiran converterse nos seus axudantes teñan un recuncho máximo onde participar en ilusionantes obradoiros. E haberá un laboratorio de proba de xogos para axudar aos elfos a comprobar se os xoguetes e xogos son divertidos.

O mercadiño disporá de actividades de animación e entretemento, pensadas para todas as idades, pero especialmente para os máis pequenos como maxia, concertos e espectáculos diverso. Para os compradores, todos os días haberá sorteos de premios cos tickets de compra realizadas no mercado e acumulados durante a xornada. Todo isto estará acompañado de lambetadas de Nadal onde quen o desexe poderá desfrutar de castañas, chocolate e viño quente presentando un ticket de compra nas casetas do mercado tras o sorteo diario.

Unido a este mercadiño de Nadal, que estará na praza Maior, as distintas agrupacións de barrios da cidade contarán con sets decorativos con temática de Nadal nas principais prazas que tamén terán buzóns de peticións para poder depositar as cartas aos Reis Magos. Estes estarán na praza Agro do Rolo, Horta do Seminario, praza de Augas Férreas, praza Camiño Primitivo, praza Fonte dos Ranchos e Sagrado Corazón.

Estes barrios contarán tamén con animación de rúa onde dous elfos percorrerán as rúas repartindo agasallos e anunciando as actividades con divertidas improvisacións.

Mercado Nadal 3
Mercado Nadal 4
0.25217986106873