Lugo celebra un novo torneo de xadrez para estudantes de ensino medio

A Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento do Concello de Lugo, en colaboración coa Escola Luguesa de Xadrez, continúa coa súa programación anual dedicada a este deporte cunha nova edición do Torneo de Ensino Medio, que terá lugar o xoves 26 de marzo.
O torneo está dirixido a estudantes de centros de ensino medio, podendo cada centro participar cun máximo de 25 representantes. Tamén poderá sumarse o profesorado ou o persoal do centro que desexe participar. Cada ano, esta cita reúne a máis de 120 mozos e mozas, consolidándose como unha das actividades de xadrez escolar máis destacadas da cidade.
A competición disputarase a cinco roldas, con partidas cun ritmo de 10 minutos máis un incremento de 3 segundos por xogada.
A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo mantén así o seu compromiso de achegar actividades educativas e deportivas aos centros escolares, organizando un ano máis estes torneos nun espazo emblemático como é o soto da Praza de Abastos. Estas iniciativas buscan fomentar o pensamento estratéxico, a convivencia e o interese polo xadrez entre a mocidade lucense.