Lugo celebra varias actividades con motivo do 8M
O vindeiro mércores, 8, Día da Muller Traballadora dende o Concello realizarase un recoñecemento a traxectoria de seis lucenses que “hoxe en día son referentes moi importantes pola súa traxectoria profesional e persoal. Todas elas foron abrindo camiño ao empoderamento feminino nos seus sectores, neste caso nos ámbitos da comunicación, da cultura, do deporte, da universidade, da hostalaría e das forzas de seguridade e protección da cidadanía” declarou a alcaldesa Lara Méndez.
Esta homenaxe plasmarase na entrega dos galardóns Entre Mulleres que este ano serán para Blanca García Montenegro presidenta dun medio de comunicación; á Catedrática da Facultade de Químicas da USC, Isabel Fernández; á presidenta dun club deportivo, Bibi Bouza; á xornalista Tonina Gay, presidenta do Club Cultural Valle Inclán; a Celia Neira, propietaria do restaurante A Nosa Terra; e a Ana Rosa Rodríguez, policía local da primeira promoción de axentes mulleres en Lugo.
Elas serán as protagonistas do gran acto polo 8M que se celebrará no Museo Interactivo da Historia de Lugo, que compartirán coas súas predecesoras nos premios Entre Mulleres xa que este ano é moi especial ao cumprise o vinte aniversario da súa instauración, polo que o Concello tamén lles dedicará a todas elas unha lembranza. “A todas, tanto ás distinguidas nesta edición como nas anteriores, lles debemos que foron abrindo camiños cara a unha igualdade real e de oportunidades, camiños non sempre fáciles e que aínda hoxe estamos a reivindicar”, sostivo a rexedora.
Ese mesmo día, no MILH, se abrirá a exposición Mulleres Rurais, organizada pola asociación de mulleres de Benade, que desenvolveron tras ser seleccionadas para realizar un taller no Museo Nacional Thyssen.
A entrega destes galardóns será o eixo central da programación que proxecta á concellería de Igualdade con motivo do Día da Muller Traballadora, que este ano se centra no concepto de sororidade para facer fincapé na importancia da solidariedade entre as mulleres.
No programa, inclúese o ciclo Mulleres Atlánticas, unha mirada en feminino, que se enmarca nas actividades da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, que comezou o pasado día 2 e no que se proxectarán filmes de directoras galegas e portuguesas ata o día 12 de marzo en O Vello Cárcere, ás 20.00 horas.
O venres, día 10, será unha xornada de música coa actación do grupo ‘De Vacas’, que dará un concerto na praza da Soidade, ás 20.30. O eventeo e de entrada libre é gratuíta.
Así mesmo, o 17 de marzo terá lugar a actividade ‘Busca do Tesouro’, para idades de entre 14 e 29 anos, deseñada cunha metodoloxía activa e participativa, cun importante compoñente lúdico. Unha actividade que precisa de inscrición previa, aberta ata o 15 de marzo, a través do correo electrónico: cmuller@lugo.gal.
E ata o 19 de marzo proxectarase tanto na Casa Consistorial como na Mosqueira a marca feminista da cidade, Mulleres con Forza. Dende a concellería animan á cidadanía a realizar fotos e inundar as redes con elas co cancelo #MulleresConForza.