Lugo celebrará o centenario de Ulises xunto con outras cidades europeas

LugoXa
Lugo celebrará, xunto con París, Berlín, Estambul e outras cidades europeas o centenario da publicación de Ulises
Ulises homenaxe Lugo
24 Xan 2023

Continúan os avances para a colaboración de Lugo coa rede europea Ulysses European Oddisey nesta efeméride continental xunto a capitais europeas como París, Atenas, Budapest, Berlín, Copenhage e Estambul, entre moitas outras. Rubén Arroxo e Maite Ferreiro mantiveron unha reunión con representantes da Fundación Uxio Novoneyra para que a cidade esté presente nesta efemeride e para avaliar cales serán os espazos da cidade nos que terán lugar as representacións relativas ao centenario Ulises.

Lugo estará integrada, en pé de igualdade, como cidade asociada neste proxecto Europa Creativa de cooperación a grande escala -o primeiro no que participa a cidade da Muralla- e que convoca outras 17 urbes europeas, entre elas as grandes capitais estatais e culturais do continente, representando cada unha un capítulo desta obra mestra da literatura universal. "O feito de que Lugo está nesta rede de cidades é patente na web onde xa se poden ver as imaxes relativas á visita realizada o mes pasado por unha delegación europea da Ulysses European Oddisey" sinalou Maite Ferreiro.

As diversas estatuas de escritores, a Muralla, o museo e os seus xardíns, formarán parte do percorrido literario no que se representarán as obras elixidas pola Ulysses European Oddisey. Arroxo afirmou que “a recente peonalización da cidade e a implatación de diversas estatuas relativas a autores galegos contribuiron grandemente a elección de Lugo como parte desta rede europea de cidades para celebrar o centenario de Ulises”.

Este proxecto está inspirado no libro Ulises, do escritor irlandés James Joyce, do cal se celebrou no ano 2022 o centenario da sua publicación por toda Europa, dando comezo a unha rolda de homenaxes por 18 cidades europeas que rematará en 2024.

No mesmo participan 18 cidades europeas cada unha delas asociada a un capítulo da novela; relacionados cos principais retos que enfronta hoxe a sociedade europea.  O capítulo octavo do libro que celebrará Lugo, “Lestrigóns”, está ligado á literatura, o acto de camiñar e pasear, as relacións sociais nos espazos públicos, e á gastronomía sustentable de proximidade, e a hospitalidade das tapas da nosa cociña atlántica, caracteres todos onde a cidade da Muralla é referente estatal, que se verá proxectado con este proxecto tamén no nivel europeo.

A participación da cidade  consistirá nunha programación literaria expandida escénica  de fin de semana ligada á celebración da  gastronomía popular identificada con este capítulo da icónica novela de Joyce. Serán intervencións que evoquen a novela en espazos públicos de interese literaria como prazas, esculturas, rúas e gastronómicos como cafés e bares, terrazas, restaurantes, pubs que abran o acceso para a mesma.

O proxecto complementa esta programación con residencias artísticas para artistas internacionais en Lugo; e a celebración dun simposio sobre a relación entre Literatura e Gastronomía; a participación no proceso de redacción no “Manifesto sobre a Futura relación entre as artes e a sociedade para unha Europa mellor”, coa contribución da cidade de Lugo e a integración de Lugo como cidade colaboradora na nesta nova rede de cidade Ulíses europea.

Pódese consultar máis información da rede ná páxina ulysseseurope.eu

0.16197514533997