Lugo celebrou o Día Internacional das Matemáticas con actividades lúdicas e abertas á cidadanía

LugoXa
Baixo o lema 'Matemáticas na Rúa', as actividades foron deseñadas cun enfoque lúdico e festivo, creando un ambiente de lecer que favoreceu a participación
Día-das-Matemáticas-Lugo
17 Mar 2025

Lugo sumouse este 14 de marzo á celebración do Día Internacional das Matemáticas, participando activamente na iniciativa impulsada pola Federación Galega de Sociedades de Profesorado de Matemáticas.

O Concello de Lugo, a través da súa área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, apoiou a programación de múltiples eventos que achegaron as matemáticas á rúa, fóra do seu contexto habitual.

A concelleira Maite Ferreiro salientou o valor desta proposta promovida polo profesorado: “Trátase dunha iniciativa que saca ás matemáticas do ámbito académico e as leva ao espazo público, facéndoas atractivas e accesibles para toda a veciñanza”, afirmou. Ferreiro destacou ademais o carácter participativo e dinámico das actividades, que contribúen a derrubar mitos e prexuízos arredor das matemáticas.

Baixo o lema 'Matemáticas na Rúa', as actividades foron deseñadas cun enfoque lúdico e festivo, creando un ambiente de lecer que favorece a participación de persoas de todas as idades. A proposta apostou pola manipulación directa de materiais e xogos como ferramenta pedagóxica e de interacción social, fomentando a colaboración interxeracional e entre distintos niveis de formación.

Entre os materiais empregados destacaron categorías como crebacabezas, superficies minimais, cadrados máxicos, bingos matemáticos, xogos de mesa, cordas e outros tipos de retos lúdicos. Especial protagonismo tiveron os quebracabezas, converténdose no grupo máis variado e popular entre os participantes, grazas á súa capacidade de entreter e estimular o pensamento lóxico.

⚙ Configurar cookies
0.57571196556091