Lugo celebrou o irmandamento das catedrais de León e Lugo nunha xornada marcada polo patrimonio xacobeo

Lugo acolleu unha xornada especial na que se formalizou o irmandamento entre as catedrais de Santa María de Lugo e a de León, un fito que reforza a colaboración institucional en torno aos Camiños do Norte. O evento coincidiu co décimo aniversario do recoñecemento dos Camiños do Norte e da Catedral de Lugo como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
A cita foi promovida polas dúas dioceses, polas catedrais e pola asociación Vía Künig, e contou cun programa no que sobresae a presentación deste certificado vinculado á basílica lucense, un espazo que conserva o privilexio papal de exhibir de maneira permanente o Santísimo Sacramento. Ademais, serviu para lembrar o décimo aniversario da declaración da Catedral e dos Camiños do Norte como Patrimonio da Humanidade.
O programa do acto incluíu unha andaina de peregrinación pola Vía Künig ata a Catedral de Lugo, unha eucaristía no Altar Maior coa intervención do Orfeón Lucense e a presentación da certificación de peregrinación, así como unha visita pola basílica e un concerto do Grupo Solo Voces na igrexa parroquial de San Pedro.
Durante a súa intervención, Pablo Rivera destacou este feito e lembrou que a provincia de Lugo é “terra de portas e de acollemento” desde a orixe do xacobeo. Resaltou que máis de 800 quilómetros de rutas xacobeas percorren o territorio, incluíndo tramos do Camiño Francés, do Camiño Primitivo e do Camiño Norte, así como o Camiño de Inverno e outras rutas históricas como o Camiño do Mar, a Vía Künig e a Vía Regia.
O deputado lembrou que “o Camiño non é só memoria, senón tamén responsabilidade”, e destacou que estas rutas “son un patrimonio que debemos coidar, unha oportunidade para fortalecer a cohesión territorial, promover o desenvolvemento sostible e dinamizar o medio rural”. Engadiu Rivera Capón que o irmanamento das dúas catedrais “representa un acto simbólico de cooperación, xa que os camiños existen para unir e só se conservan cando se traballa xuntos”.
Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou nos actos e subliñou que esta iniciativa “fortalece os lazos e abre unha etapa de orgullo compartido e colaboración entre ambas cidades”, destacando o valor simbólico deste vínculo.
Arias resaltou que propostas deste tipo “reforzan a proxección de Lugo como unha cidade cun legado singular e cunha identidade fondamente unida aos camiños xacobeos”. Tamén lembrou que a Xunta mantén “un labor continuado de conservación destes bens” e sinalou que, entre as intervencións máis recentes, figuran os traballos para corrixir filtracións na Catedral, cun investimento de 450.000 euros.