Lugo clausura os actos polo 25º aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

LugoXa
A gala institucional ofreceu unha viaxe pola historia do monumento a través da música, a memoria e o debate, e reivindicou máis apoio institucional para a súa conservación
25-aniversario-Muralla-de-Lugo-acto-institucional
1 Dec 2025

Lugo puxo o broche final ás actividades organizadas para conmemorar o 25º aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade cun acto institucional no auditorio Fuxan os Ventos. A gala buscou achegar ao público un percorrido pola traxectoria do monumento empregando a música, a maxia e a reflexión como fíos condutores.

A orquestra Xoven Terra Nova foi a encargada de poñer banda sonora á celebración, que tamén incluíu intervencións de investigadores, representantes institucionais, xornalistas, creadores e veciños e veciñas que viviron de preto momentos clave na conservación e posta en valor da Muralla ao longo das últimas décadas.

Este evento serviu como punto final a unha programación desenvolvida durante case todo o mes de novembro, cun amplo abano de propostas musicais, culturais, artísticas, deportivas, gastronómicas e de ocio pensadas para implicar e atraer a toda a cidadanía.

No transcurso da gala, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, aproveitou para reclamar máis recursos destinados ao monumento, ao que definiu como “símbolo da nosa historia e motor cultural e turístico para a provincia”. Subliñou que Lugo conta co “privilexio” dunha construción única e recoñeceu que é “responsabilidade” das institucións garantir que siga brillando para as vindeiras xeracións.

Tomé Roca engadiu que esta efeméride ofrece “unha oportunidade extraordinaria para reflexionar como sociedade sobre os investimentos necesarios para asegurar o seu mantemento, conservación, accesibilidade, integración urbanística e posta en valor”, aspectos que considera fundamentais para o futuro da Muralla.

⚙ Configurar cookies
0.079046010971069