Lugo como exemplo en reforestación e espazos verdes urbanos para a Unión Europea

LugoXa
A Unión Europea traballa nun documento en materia de reforestación e desenvolvemento de espazos verdes urbanos con Lugo como exemplo
Visita CINEA LIFE
13 Dec 2022

A Unión Europea traballa nun documento en materia de reforestación e desenvolvemento de espazos verdes urbanos con Lugo como exemplo. Así o avanzou, Laura Giappichelli, conselleira de proxectos do Programa LIFE dentro da Axencia Executiva Europea do Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA), quen visitou a cidade para coñecer os avances do programa LIFE Lugo+Biodinámico, pola súa relevancia para a Comisión Europea.

A xornada, na que participaron representantes do Concello, impulsor da estratexia, así como das Universidades de Santiago de Compostela (USC) e da Politécnica de Madrid (UPM), socias investigadoras, e da Deputación, entidade cofinanciadora, comezou co recibimento por parte da alcaldesa, Lara Méndez, no Concello.

Durante o encontro, a rexedora explicou a relevancia do LIFE para o municipio. “Sendo conscientes de que as cidades somos as principais causantes do cambio climático, tamén é unha convicción para Lugo de que formamos parte das solucións para a súa mitigación, tanto para actuar como motor ante a emerxencia climática como para ser proactivos en contornas urbanas máis sans para a cidadanía, esa era a nosa convicción cando presentamos o LIFE, unha convicción que se viu reforzada trala Covid”.

“Por iso, apostamos por integrar na nosa planificación urbana transformacións vinculadas a un desenvolvemento máis compacto e sostible, á creación de infraestruturas verdes, a un cambio de mobilidade neutra en carbono, a unha aposta importante pola eficiencia enerxética e ao uso dos recursos naturais, como a madeira, en sectores tan claves para as reducións de C02 como a construción”.

“Nesta liña, o LIFE non é só un proxecto senón que forma parte dunha estratexia de cidade, na que estamos a intervir de maneira transversal desde todas as áreas de Goberno, nos proxectos do día a día con recursos propios (peonalizacións e humanizacións nos barrios), pero tamén desde as nosas diferentes planificacións transformadoras”, subliñou Méndez.

Así, vinculados con estes cambios, o Goberno de Lara Méndez está a desenvolver, con fondos europeos diferentes programas como o DUSI Muramiñae, estratexia que busca unha conectividade neutra en carbono entre a trama urbana e o río, con actuacións como: 14 quilómetros de carril bici urbano que unen 8 barrios entre si e eses barrios coa zonas de lecer e deportivas do Miño, peonalización de rúas, pasos subterráneos, pasarelas, etc; o proxecto Corazón Verde, co que se levará a cabo a peonalización integral do centro histórico, toda a zona entremurallas, que será Zona de Baixas Emisións –tamén se traballou na peonalización da rolda exterior da Muralla (Mosquera)–; ou a mellora da eficiencia enerxética de oito edificios municipais, con fondos IDAE, que suporá aforros enerxéticos de entre un 18% e un 42% e unha redución de emisións de C02 á atmosfera que nalgúns casos será de 710, 6 toneladas.

Ademais, a alcaldesa lembrou que “acabamos de presentar a Europa tamén un novo proxecto para avanzar na renaturalización do Cinto Verde (convocatoria Fundación Biodiversidade) e para ampliar os seus usos á cidadanía, proxecto que xurdiu do Estudo de Identificación e Ordenación deste cinto desenvolvido polo LIFE”.

En canto á firme aposta polo usos de materiais locais, como a madeira, con obras como o Impulso Verde e o barrio multiecolóxico, a rexedora subliñou que “somos a única administración española que está xa construíndo todos os seus edificios municipais empregando fontes sostibles como a madeira, como exemplo temos o edificio interxeracional de benestar en Lamas de Prado –construído con fondos DUSI–, as Caldas ou o novo Polideportivo Sport Life, que se executará no 2023”.

“Pero tamén falamos de que esta estratexia que realizamos desde a administración local trasladámola a outras actuacións con outra administracións (nova estación intermodal), e deste impulso público naceron xa iniciativas privadas como: o Hotel de Santo Domingo, en pleno centro histórico, construído de madeira contralaminada; edificacións Breeam, que se desenvolven con solucións de eficiencias enerxética; ou o McDonalds da Avenida de Madrid, que incorpora xardíns verticais”, engadiu Méndez.

“Así mesmo, as implicacións do LIFE foron moito máis que urbanísticas, xa que para nós a transformación non se debe quedar só en construír cidades máis sostibles e sas, senón tamén ten que trasladarse ao cambio económico: xorde de aí, a estratexia LUGO Transforma –fondo investidor de 13 millóns de euros, 12 municipais–, para atraer empresas e crear empregos de calidade, de alto impacto social e ambiental”, concluíu a rexedora.

Trala exposición da alcaldesa, levouse a cabo un repaso técnico a todo o proxecto  LIFE e, a continuación, realizouse unha visita ao bosque urbano das Gándaras de 19 hectáreas, concretamente á área de fondosas, cultivos enerxéticos, o souto, o arboretum e o humidal. Xa durante a tarde, a visita finalizou no edificio Impulso Verde, enmarcado no futuro barrio multiecolóxico, onde tamén se proxecta unha innovadora zona verde de 1,2 hectáreas para promover a biodiversidade e que contará con novidosos hortos urbanos vinculados con usos lúdicos, agrícolas e ecolóxicos.

0.17374515533447