Lugo concentrouse en apoio ao pobo palestino

LugoXa
A choiva e o frío estiveron presentes tamén na concentración convocada polo colectivo Lugo por Palestina para festexar o Día Internacional da Solidariedade co Pobo Palestino.
lugo por palestina
30 Nov 2023

A choiva e o frío estiveron presentes tamén na concentración convocada polo colectivo Lugo por Palestina para festexar o Día Internacional da Solidariedade co Pobo Palestino.

A xornada, que deu comezo coa fonte da avenida das Américas tinguida de vermello, tiña por obxectivo deixar claro que "a cuestión Palestina non está resolta e o Pobo Palestino non ten garantidos os seus dereitos".

O acto onte era "para amosar primeiro, o respecto, apoio e desexo de liberdade para o Pobo Palestino, e tamén, o posicionamento de berrarlle ao mundo enteiro, desde Lugo, que permanecer nunha postura neutral ante o que está a sufrir o Pobo Palestino, xa non é unha opción".

AS DECLARACIÓNS DE LUGO POR PALESTINA

Estamos asistindo diariamente a un xenocidio de manual contra o Pobo Palestino e a historia, contará como ficamos impasibles ante unha barbarie que fala de cifras infindas, de cifras do horror, de cifras que non son senón vidas de nenos, de nenas, de mulleres e homes, vidas algunhas que non chegaron nin a ver a luz da lúa en Gaza …

O noso xeito de vivir, a nosa individualidade como perspectiva vital, a nosa posición privilexiada, fainos ignorar esta situación por allea, afastada ou non interesante para afondar nela, porque no fondo, iso sería afondar en nós. En nós como sociedade, en nós como responsables de mirar cara outro lado e deixar atrás o esforzo de sentir os horrores que vemos nos ollos dos nenos, das nais, dos pais… de todo un Pobo que leva na mirada a opresión, a ocupación, o apartheid, o exilio e a rabia de non poder ser, de non poder existir, de sufrir un xenocidio diante do silencio do mundo enteiro.

Xa que a comunidade internacional parece ter renunciado a facer valer a defensa dos dereitos humanos e o dereito internacional, o papel da sociedade civil organizada, adquire maior sentido e valor para denunciar, para premer politicamente, e para remexer conciencias e idear estratexias que podan reconducir a situación cara o que esixe a ética humana máis elemental.

Estamos hoxe, conmemorando en Lugo este día de solidariedade co Pobo Palestino, porque na Plataforma Lugo por Palestina, non queremos calar. Non queremos ignorar nin mirar cara outro lado. Queremos estar con Palestina. Queremos sentir a súa dor como nosa e queremos loitar pola mobilización da sociedade, facer un chamamento ás conciencias, queremos que Lugo esperte, que o mundo esperte e esiximos:

A todas as forzas políticas do noso país, aos equipos de goberno da nosa cidade, a todas as institucións e Universidades, que rompan calquera relación tanto comercial e económica, como de intercambio cultural co estado de Israel. Que non sexan máis silencios que impregnen os ollos das persoas Palestinas de soidade e abandono. Silencios tinguidos de sangue Palestina.

Esiximos mirar as bandeiras Palestinas e sentir a dignidade dun Pobo que nos necesita, dun pobo Palestino que resiste porque non ten elección e porque a súa valentía, resistencia e loita pola terra e pola vida, debera ser un exemplo para nós.

Esiximos que Lugo sexa unha cidade non cómplice silenciosa. Pedimos que Lugo sexa unha cidade digna como é a dignidade da bandeira Palestina. Como é a dignidade de que hoxe, todas e todos nós sintamos que si podemos facer algo. Que si podemos axudar a transformar. Que si é posible que o mundo diga BASTA!

0.15189480781555