Lugo conmemorará o Día da Muller Rural cunha andaina pola ruta da Chousa

LugoXa
A actividade, organizada pola Concellaría de Muller e Igualdade, percorrerá 3,5 quilómetros no Veral e inclúe un aperitivo saudable para os participantes
aula-natureza-o-veral
14 Oct 2025

A área de Muller e Igualdade do Concello de Lugo, dirixida por Ángeles Novo, organiza este sábado, 18 de outubro, unha andaina pola ruta da Chousa na zona do Veral para conmemorar o Día Internacional da Muller Rural, que se celebra mañá, 15 de outubro. A saída e chegada será na Aula da Natureza do Veral e o percorrido, de aproximadamente 3,5 quilómetros, terá unha duración estimada de pouco menos de dúas horas.

A edil responsable desta área convida á cidadanía “a participar nesta iniciativa que busca poñer o foco no papel protagonista das mulleres no desenvolvemento sostible do rural no municipio”. Ademais, sinala que a actividade servirá tamén para reivindicar a erradicación das desigualdades que aínda son máis visibles no medio rural: “Temos a obriga de loitar por un rural máis vivo e igualitario”, destacou.

Para dar maior visibilidade a estas cuestións, desde a Concellaría de Muller e Igualdade colaboran coa área de Cohesión Territorial, que dirixe Ana González Abelleira, responsable dos servizos municipais nas zonas rurais. Ambas concelleiras insisten na importancia de poñer en valor o traballo das mulleres rurais e o seu papel no desenvolvemento sostible do municipio.

O percorrido permitirá aos participantes coñecer a flora, a fauna e o patrimonio do Veral, incluíndo a contorna do río Mera, antigos muíños, unha canteira abandonada, o Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe e os bosques de teixos, bidueiros, amieiros e salgueiros. Ao rematar a andaina, serviráse un aperitivo saudable para todas e todos os asistentes. As persoas interesadas en participar deben inscribirse antes do 15 de outubro chamando ao 010, teléfono de información gratuíta do Concello de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.067306041717529