Lugo consegue máis de 8,7 millóns de fondos europeos para impulsar o proxecto Novo Norte

LugoXa
A iniciativa transformará a zona máis habitada da cidade, mellorando mobilidade, accesibilidade e sostibilidade
proxecto-Lugo-Norte
3 Oct 2025

Lugo recibiu máis de 8,7 millóns de euros do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través da estratexia EDIL, que permitirán impulsar o proxecto Novo Norte cun investimento total de preto de 15 millóns de euros.

O alcalde, Miguel Fernández, xunto ao concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, e á xefa de servizo, Isabel Villamor, presentaron a iniciativa, que transformará a contorna da Avenida da Coruña, A Milagrosa e o Barrio Feijoo, onde residen máis de 25.000 lucenses.

Fernández destacou que “o Novo Norte vai transformar a zona máis habitada da cidade, mellorará a mobilidade e, sobre todo, a vida da nosa xente”, lembrando tamén a experiencia positiva de Lugo en proxectos anteriores como Muramiñae ou Corazón Verde, que demostran a capacidade da cidade para executar fondos europeos con solvencia.

O proxecto inclúe actuacións de modernización urbana, mellora da accesibilidade, fomento da sostibilidade e reforzo da mobilidade, ademais de integrar barrios tradicionalmente illados pola vía do tren, como As Gándaras, o Sagrado Corazón ou Paradai, cara a unha cidade máis cohesionada e vertebrada.

O concelleiro Mauricio Repetto subliñou que as actuacións clave inclúen a transformación da Avenida da Coruña, arteria vital tanto comercial como residencial, e a mellora dos accesos á intermodal, que facilitará a conexión co casco histórico e a nova estación. Repetto destacou que estes fondos non son simplemente diñeiro, senón unha senda financeira que premia a boa xestión, co potencial de ampliar os fondos dispoñibles se a execución é rigorosa.

A xefa do servizo, Isabel Villamor, explicou que o proxecto require cumprir indicadores concretos en espazo verde, novas tecnoloxías, infraestruturas e servizos sociais, e que a planificación estratéxica iniciada en 2022 coa Axenda Urbana foi clave para chegar con vantaxe á convocatoria. Villamor destacou que o proxecto manterá todas as actuacións previstas, cun horizonte de execución ata 2029 e revisións bianuais.

O alcalde pechou a presentación asegurando que “o Novo Norte é tamén o Novo Lugo que queremos construír”, froito dun traballo coordinado de todas as áreas municipais, cun modelo de cidade máis sostible, integrada e pensada para mellorar a vida da cidadanía.

PARABÉNS DA OPOSICIÓN

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Lugo felicitou ao Goberno local pola obtención de 8.730.304 euros procedentes de fondos europeos, unha inxección económica que, segundo os populares, ben xestionada pode contribuír á mellora da cidade e da calidade de vida dos veciños.

O PP destacou o labor de Paula Alvarellos como alcaldesa na presentación do proxecto e valorou o esforzo de Isabel Villamor e do conxunto de empregados públicos que fixeron posible a tramitación destes recursos, fundamentais para impulsar proxectos de futuro en Lugo.

Porén, os populares lembran que estes fondos non son gratuítos para o Concello, xa que supoñen unha cofinanciación do 60 %, o que implica que o Goberno local deberá achegar case seis millóns de euros das arcas municipais. Por este motivo, o PP esixe á alcaldesa e ao seu equipo que actúen con responsabilidade, criterio e máxima transparencia na planificación e execución dos proxectos, garantindo que cada euro investido repercuta nun beneficio real para a cidade.

O grupo subliña que non se poden repetir erros do pasado, mencionando proxectos como o Edificio Impulso Verde, as Caldas ou o carril bici, que implicaron gastos elevados sen aportar valor engadido nin responder ás necesidades reais dos veciños. Ademais, reclaman comunicación e consenso, especialmente en intervencións na Avenida da Coruña que poderían afectar á mobilidade, lembrando situacións previas de rexeitamento veciñal como no caso do Castiñeiro.

O PP pide que se planifiquen proxectos realistas, ben dimensionados e consensuados para que esta oportunidade se converta nunha ocasión útil para Lugo, cun retorno social, económico e sostible evidente.

⚙ Configurar cookies
0.10718011856079