Lugo consolida os 100.000 habitantes e supera xa os 102.000 inscritos no padrón municipal

LugoXa
Arroxo celebra o novo dato do INE e destaca que a transformación urbana contribuíu ao crecemento da cidade
Nadal-Lugo
2 Dec 2025

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, valorou como “unha gran noticia para Lugo” a publicación do novo dato de poboación do Instituto Nacional de Estatística, que actualiza a cifra municipal a 100.071 habitantes a data de 1 de xaneiro de 2025.

O responsable municipal lembrou que o Padrón xa superara a barreira dos 100.000 habitantes o 25 de xuño de 2024, cando o Concello anunciou oficialmente este fito, e subliñou que “a transformación da cidade que iniciamos desde a Tenencia de Alcaldía cumpriu o seu obxectivo: facer de Lugo un lugar mellor no que vivir”. Arroxo avanzou ademais que o padrón municipal supera actualmente os 102.000 inscritos.

O tenente alcalde explicou que “no ano 2019 chegabamos ao goberno co obxectivo de facer de Lugo un lugar mellor no que vivir, e iniciamos o proceso para transformar os espazos públicos e a mobilidade da cidade, avanzando neste obxectivo”. Destacou que a cidade “chega por fin á meta dos 100.000 habitantes”, un logro que, segundo afirmou, anima ao goberno local a continuar traballando para seguir mellorando o municipio e impulsando o seu crecemento.

Arroxo lembrou tamén que superar esta cifra permitirá que o Concello de Lugo poida optar a novas liñas de financiamento estatal reservadas ás cidades con máis de 100.000 habitantes, ademais de incrementar o interese empresarial por asentarse no municipio, dado que moitas compañías teñen este limiar demográfico como requisito para expandirse.

⚙ Configurar cookies
0.081608057022095