Lugo consolídase como cidade referente recoñecida con varios galardóns nacionais

O compromiso do Concello de Lugo co desenvolvemento sostible, a innovación e a mellora da calidade de vida da súa cidadanía vén de ser avalado por importantes recoñecementos autonómicos e estatais que sitúan á cidade como un modelo a seguir en materia de transformación urbana responsable.
Nos últimos dous anos, Lugo recibiu catro premios de gran relevancia: o Premio Ciudad de la Ciencia y la Innovación (2023), a Pajarita Azul (2024), a Bandeira Verde (2024) e o XIII Premio Progreso (2025). Galardóns que, segundo o alcalde Miguel Fernández, “non son só un recoñecemento, senón tamén un estímulo para seguir impulsando proxectos que melloren a vida da veciñanza”.
O rexedor destacou que “o traballo que vimos desenvolvendo desde o Concello sitúa a Lugo como unha referencia a nivel estatal, demostrando que é posible avanzar cara a un modelo de cidade moderna, verde e innovadora sen deixar a ninguén atrás”.
Entre os recoñecementos máis recentes figura a Bandeira Verde de Galicia, outorgada pola Consellería de Medio Ambiente. Lugo é a única das grandes cidades galegas en recibir este distintivo, que premia accións como a renaturalización de espazos, a creación de áreas verdes, a mellora da reciclaxe, a promoción das enerxías renovables e a peonalización de zonas urbanas.
No ámbito ambiental, Lugo tamén foi recoñecida co premio Pajaritas Azules, outorgado pola entidade nacional Aspapel. Este premio valora a excelencia na recollida selectiva de papel e cartón, así como a eficacia das campañas de concienciación cidadá. “Recibir este galardón é unha mostra de que a nosa xestión ecolóxica está entre as mellores do Estado”, sinalou o alcalde, que recolleu o premio en Madrid.
En materia de innovación, Lugo foi distinguida como Ciudad de la Ciencia y la Innovación polo Ministerio de Ciencia e Innovación. Esta distinción recoñece o impulso do Concello para transformar o territorio mediante proxectos sustentables, apoiados en fondos europeos, como a iniciativa Lugo Transforma, centrada na captación de talento e na creación de emprego de calidade. Esta distinción permite, ademais, a integración de Lugo na Red Innpulso, un foro estatal de cidades innovadoras.
Finalmente, a cidade recibiu o XIII Premio Progreso, concedido pola Fundación para o Desenvolvemento dos Pobos de Andalucía e a Federación Andaluza de Municipios e Provincias, polo seu modelo integral de sostibilidade, accesibilidade e cohesión social, exemplificado en proxectos como LIFE Lugo + Biodinámico.
Miguel Fernández concluíu que “estes premios confirman que estamos no bo camiño. Lugo soubo interpretar os retos do século XXI e responder con políticas valentes, pensadas para o presente pero sobre todo para o futuro. O noso modelo aposta pola calidade de vida, pola protección do entorno e por un desenvolvemento económico sustentable”.