Lugo consolídase como destino turístico estratéxico con máis de 19.000 visitantes

LugoXa
A Casa dos Mosaicos e o Vello Cárcere mantéñense como os espazos museísticos máis visitados da cidade, con cifras que evidencian o crecemento do sector
punto-informacion-turistica-praza-maior-lugo
3 Jul 2025

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, deu a coñecer os datos de turismo correspondentes ao primeiro semestre de 2025, que reflicten un aumento na afluencia de visitantes e consolidan a cidade como un destino destacado dentro de Galicia.

Segundo explicou Arroxo, "estes datos poñen de manifesto que o traballo desenvolvido polo Goberno de Lugo nos últimos anos contribuíu a posicionar a cidade como un punto estratéxico á hora de visitar Galiza".

Durante os seis primeiros meses do ano, a Oficina Municipal de Turismo situada na praza do Campo atendeu un total de 19.408 persoas. Ademais, as salas museísticas municipais mantéñense como un dos principais reclamos turísticos da cidade. Entre elas, o Vello Cárcere lidera a lista cunha cifra de 19.391 visitantes, seguido pola Casa dos Mosaicos, que rexistrou 10.442 visitas. Pola súa banda, Porta Miñá, o Centro de Interpretación da Muralla e o MIHL acadaron conxuntamente 13.445 visitas.

O Punto de Información Turística da praza Maior, que iniciou a súa actividade o 1 de xuño, xa rexistrou 8.056 persoas atendidas. Rubén Arroxo subliñou a relevancia deste novo punto "que nos permite ofrecer atención ás visitantes no corazón da cidade".

En canto á procedencia das persoas que visitan Lugo, destaca a presenza maioritaria de turistas europeos, especialmente de Portugal, Francia, Italia, Alemaña, o Reino Unido e Irlanda. No caso do continente americano, os países con máis visitantes son os Estados Unidos, México, Colombia, Venezuela, Brasil e Uruguai. Tamén se rexistraron visitas desde países afastados como Australia, China, Xapón ou Corea.

⚙ Configurar cookies
0.61594986915588