Lugo consolídase como referente de wargames cun torneo que reunirá 300 participantes

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo converterase a finais de agosto no epicentro internacional do universo wargame coa celebración dunha nova edición do torneo La Voz Open, que reunirá os días 30 e 31 a 300 participantes e un amplo número de afeccionados.
A cita foi presentada na Delegación Territorial da Xunta, nun acto no que estiveron presentes o delegado Javier Arias, o xerente do Pazo, Rubén López, e representantes das entidades organizadoras: a firma lucense Bandua Wargames e o popular podcast La Voz de Horus.
O wargame é unha disciplina de xogo de mesa que reproduce confrontacións bélicas entre diferentes exércitos ou faccións, ambientadas tanto en contextos históricos como fantásticos, mediante figuras, escenografía e complexas regras de combate.
Durante o acto, Arias puxo en valor a importancia do torneo dentro do calendario nacional, subliñando que é o que máis pases outorga para o campionato mundial que se disputará en Atlanta, cun total de catro “Golden tickets”, feito que explica o éxito de convocatoria e a rapidez coa que se esgotaron todas as prazas dispoñibles. O delegado destacou así mesmo a aposta do Pazo de Feiras por diversificar a súa programación, incorporando propostas que “nos sitúan como referencia dentro dun lecer con ampla proxección internacional”.
Arias tamén expresou o seu agradecemento aos organizadores pola súa aposta pola cidade, lembrando que Bandua Wargames é unha firma lucense con proxección europea no ámbito da fabricación de produtos para wargames e xogos de mesa, mentres que La Voz de Horus é o principal podcast en español dedicado ao universo Warhammer, cunha audiencia que superou o 1.389.000 oíntes durante o ano 2024.
A primeira edición do La Voz Open celebrouse o ano pasado no mesmo recinto, reunindo máis de 500 persoas entre participantes e visitantes e cun impacto económico superior aos 200.000 euros grazas ao consumo en hostalería, a contratación de servizos con empresas galegas e á repercusión mediática, que superou os 3.000 espectadores en directo e as 15.000 reproducións acumuladas.
Nesta nova edición, o obxectivo é seguir medrando e consolidar Lugo como unha parada estratéxica dentro do circuíto internacional de wargames. Para iso, engadiranse novas propostas como unha zona de podcasting con creadores galegos e estatais, unha área gaming centrada en videoxogos de estratexia, concursos de pintura e modelismo, espazos para demostracións e diversas charlas e coloquios especializados.