Lugo conta con catro novos pasos elevados
Lugo contará con catro novos pasos elevados en tramos da cidade “onde as velocidades dos vehículos soen ser elevadas, e se rexistra unha accidentalidade superior en relación aos peóns”, asegurou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, seguindo o recomendado pola Rede de Carreteiras. As novas actuacións realizaranse na Ronda das Fontiñas e nas rúas Mazaira, Curros Enríquez e Afonso X o Sabio, continuando co traballo feito noutros barrios e distintas zonas da cidade, como contornas escolares e puntos conflitivos.
Unha proposta común a todos os pasos peonís “é a sobreelevación dos mesmos, mellorando deste xeito a seguridade dos peóns, xa que se reduce notablemente a velocidade dos vehículos, e incluso o peón dispón dunha plataforma física a distinto nivel ca o resto da calzada”. En todos os casos, haberá sinais para avisar ao condutor dun paso peonil sobreelevado e evitar movementos bruscos ou posibles danos.
No caso da Ronda das Fontiñas 29, disporase un paso de peóns elevado na localización do paso existente; mentres que nas rúas Mazaira 12, Curros Enríquez 11 e Afonso X o Sabio (xunto á Facultade de Ciencias), se disporá dun paso de peóns elevado en todo o ancho da calzada. O proxecto conta cun total de 48.399,84 € de orzamento.
Rubén Arroxo destacou "a importancia das actuacións de calmado de tráfico, que viñemos executando nas zonas escolares, e que agora expandimos a novas zonas da cidade" e busca dun tráfico calmado, “aumentando a seguridade da veciñanza de toda a cidade".