Lugo conta con dous novos aparcamentos alternativos
Lugo conta con dous novos aparcamentos alternativos que o executivo municipal puxo en marcha nas rúas Ramón Piñeiro e Francisco Lamas López, cun investimento total de 171.000 euros.
Os traballos incluíron a pavimentación do chan, a instalación dun sistema de drenaxe que evite a formación de charcos, a renovación da iluminación, a instalación de sinalización horizontal e vertical, e a colocación dos valos perimetrais que delimitan os recintos.
O aparcadoiro de Alcalde Francisco Lamas López conta cun acceso peonil e un acceso para vehículos nos extremos opostos da fronte da parcela. A existencia de construcións ao nivel de terras nos lindes norte e leste desta parcela, obrigou á realización dun muro de contención de 3 metros de altura sobre a cimentación cun espesor de 40 cm.
Así mesmo, o aparcadoiro de Ramón Piñeiro, dispón tamén de dúas ramplas de acceso, unha peonil adaptada de 2 metros de ancho, e unha rampla para acceso de vehículos de 8 metros de ancho.
Este proxecto está ligado á posta en marcha da nova senda verde ciclista da cidade, pois busca paliar a perda de prazas que se producirá nalgúns puntos da súa contorna. Neste senso ás 69 prazas deste aparcadoiro pasarán a estar a disposición da cidadanía e súmanse as 57 que se habilitaron co repitando en batería ou espiga dos espazos nas rúas Río Mandeo, Pomar, Amizade, Ronda do Carme e Mestre Soutullo, acadando un total de 126 novas prazas.
En Lugo existen 9 aparcamentos alternativos cun investimento superior aos 400.000 euros, creando 272 novas prazas de estacionamento en: rúa Alcalde Manuel Portela; rúa Do Buxo; avenida Reverendo Xosé Fernández Núñez; rúa Pedro González López; rúa Jacinto Calvo Senador, rúa Alcalde Xosé Novo Freire, rúa Paradai De Arriba, rúa Ramón Piñeiro e rúa Alcalde Francisco Lamas López.
O párking da rúa Alcalde Francisco Lamas López, levouse a cabo nunha parcela de 529 m2, e conta con 16 prazas, das cales dúas son adaptadas para persoas con mobilidade reducida; mentres que o aparcamento que se sitúa entre as rúas Ramón Piñeiro e Ramón Beberide, construíuse nunha parcela de 1.859 m2, e dispón de 53 prazas, incluíndo 5 adaptadas. Ambas parcelas atopábanse sen uso, e foron habilitadas para o estacionamento público e gratuíto.