Lugo conta cun curso gratuíto de manexo de drons
A Concellería de Xuventude, que dirixe o edil Jorge Bustos, abrirá o vindeiro luns as inscricións para participar nun curso práctico de manexo de drons, totalmente de balde, destinado á mocidade lucense de entre 15 e 39 anos. Así o informou o concelleiro, que asegura que a formación ten como obxectivo “capacitar aos mozos e mozas para o emprego destas aeronaves non tripuladas, que cada vez son máis empregadas nunha ampla variedade de campos profesionais”.
Trátase dunha gran oportunidade para aprender de instrutores especializados, nunha contorna única, “os principios fundamentais do voo con drons e aplicar eses coñecementos de forma práctica”, abrindo as portas nun ámbito laboral con gran demanda e en ascenso en diversas industrias, desde a fotografía aérea ata o sector da agricultura. Neste senso, os drons, debido á súa versatilidade e capacidade para realizar tarefas específicas de maneira eficiente, cada vez son máis empregados en campos como poden ser a topografía e cartografía, a seguridade e vixilancia, a industria enerxética, etc.
O curso terá lugar no Club de Aeromodelismo Lavanco, en Muxa, todos os venres e sábados dende o 8 de marzo ata o 18 de maio en dúas sesións de 16.00 a 18.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas. En total haberá 75 prazas dispoñibles. Cada participante ten dereito a unha sesión de 2 horas.
As inscricións estarán abertas do 19 de febreiro ao 19 de abril a través da web na pestana de Actividades. Os interesados deberán indicar a sesión de preferencia no formulario de inscrición. A selección realizarase por rigorosa orde de entrada das solicitudes, ata esgotar as prazas.