Lugo contará con 100 colectores marróns
O Executivo de Paula Alvarellos implantará os contedores marróns a partir do 18 de xuño. A primeira fase empezará a materializarse coa instalación de 100 colectores na zona sur da cidade debido a que súa configuración urbanística favorece a instalación destes equipamentos alén de ser unha zona da cidade que arroxa moi bos datos de reciclaxe selectiva. Este período permitirá calibrar o funcionamento, grazas á achega de información que se realizará mentres dure, o que permitirá extrapolar os datos para optimizar o sistema en toda a cidade.
“Todo este proceso de transformación e mellora que estamos a acometer desde o Goberno local ten unha repercusión destacable sobre a nosa calidade de vida e está directamente relacionada co desenvolvemento das iniciativas enmarcadas na actividade do servizo municipal de limpeza Luce Lugo”, explica o concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández. Neste caso, os colectores de orgánico e os puntos de compostaxe non forman parte unicamente dun proceso de recollida e reciclado, “senón que abren a posibilidade á súa reutilización, afondado así nunha economía circular”.
Previamente o Concello levará a cabo unha campaña de concienciación sobre a reciclaxe e promoción da rede a través de distintas accións co obxectivo de que a participación cidadá sexa maior e así consolidar a nova rede no menor tempo posible. Deste xeito un punto de información percorrerá a cidade ao longo das próximas semanas divulgando o funcionamento deste servizo e animando a poboación a adherirse ao mesmo.
Este espazo de información estará ao longo dos próximos días 6, 7, 8 e 9 instalado na praza de Augas Férreas desde as 15.30 horas ata as 20.30 horas. Posteriormente, a partir do día 11 e ata o día 13, permanecerá na praza Vermella de Fingoi, onde se facilitará información á cidadanía entre as 11 e as 14 horas e das 16 ás 19 horas. Na caseta repartirase material informativo e entregarase ás persoas usuarias un kit de bolsas compostables. Ademais as primeiras 200 altas que se realicen nas oficinas de Ecolugo na rúa Clérigos, ou través das distintas opcións telemáticas, entregaráselles un cubo de compostaxe. A campaña complétase con diversas accións en medios de comunicación e través das redes sociais do Concello.
Encontros co tecido veciñal e empresarial
De forma paralela a este labor de divulgación na rúa, o concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, realizará ao longo dos próximos días unha serie de reunións co tecido veciñal para informar do sistema. Tamén manterá encontro con empresas para informarlles da opción de equipar as súas instalacións cun dos 400 compostadores de 360 litros para grandes xeradores, destinados a exclusivamente a empresas que desexen adherirse a esta rede.
Esta primeira fase de instalación dos contedores marróns conta con 100 unidades de carga lateral con apertura electrónica con tarxeta de 1800 litros de capacidade. Poderase facer uso deles a través da tarxeta de Ecolugo, que facilitará a empresa, ou a través da tarxeta cidadá.
Deste xeito haberá un nas inmediacións do IES San Xiao, nunha parcela municipal, aproveitando a concentración de poboación desta zona e a actividade do centro de formación. Outro se instalará entre San Fiz e Montirón, no Paseo dos Estudantes, para dar servizo a estes barrios. Un terceiro irá en Fonte dos Ranchos e outro será instalado nas inmediacións da Praza do Agro do Rolo, na zona norte do municipio. Ademais, posteriormente, esta rede será completada por 800 compostadores individuais na zona rural, e cuxo número responde os cocientes de poboación fixados para este tipo de instalacións.