Lugo contará con 12.610 m² de novas zonas verdes na Garaballa
Lugo contará proximamente con máis de 12.610 m² de novas zonas verdes que, repartidos en tres parcelas ofrecerán un innovador espazo axardinado, nas inmediacións do Barrio Multiecolóxico que se proxecta na Garaballa. Unha intervención que se executa ao abeiro do programa Life Lugo + Biodinámico.
A Xunta de Goberno Local adxudicará mañá os traballos á UTE formada polas empresas Citanias Obras y Servicios e Mantemento Forestal que disporán dun prazo de cinco meses para materializalo.
A actuación inclúe a creación de 1’2 hectáreas de terreo destinadas a zonas verdes dentro das que terán un especial protagonismo uns novidosos hortos ecolóxicos comunitarios artellados en prol dun obxectivo fundamental: propiciar a dinamización social e aproveitar a súa capacidade terapéutica e didáctica.
Desta maneira conciliase a convivencia veciñal e produción de alimentos para o que se propoñen hortos axardinados para a agricultura en chan e, para a agricultura en altura, hortos de cultivos verticais en diferentes formatos, que deixarán unha pegada positiva a nivel ecolóxico e unha mellora na estrutura urbanística da capital mentres desenvolven un papel de concienciación das futuras xeracións neste tipo de prácticas.
O proxecto creará un espazo cun valor engadido, que sexa esteticamente pracenteiro e apto para o uso de diversos perfís.
Foi deseñado, en colaboración coa Universidade Politécnica de Madrid, con criterios de harmonía e beleza para que conte con áreas de cultivo que permitan a conexión coa natureza e fomentar o respecto e o coidado polo medio ambiente, áreas axardinadas que potencien a biodiversiade e estimulen os sentidos e áreas estanciais onde sexa agradable socializar e incluso pasar longas xornadas.
Todas as parcelas disporán dunha serie de elementos comúns:
- Zonas de hortos. Coa finalidade de facer un proxecto inclusivo para todas as idades - dende nenos ata maiores – e tamén integrador, tivéronse en conta os posibles perfís de usuarios e usuarias. Para o que se xeraron temáticas e usos propios que contarán con elementos singulares que fagan as parcelas máis atractivas ao usuario obxecto, aínda que estarán abertas a todo tipo de público.
Contémplanse así, diferentes tipos de hortos:
- Horto Cidadán: o seu obxecto é compartir traballo, aprendizaxe e experiencias con xente da comunidade maior de idade. Serán de grandes dimensións e, neles, os bancais estarán a ras de chan, acompañados de espaleiras que permiten diversificar o cultivo.
- Horto Terapéutico: pretende contribuír á mellora da saúde mental e física da poboación. As persoas utilitarias serán, en principio e por razóns de proximidade, pacientes do Centro de Rehabilitación Lugo Rúa e da Unidade Asitencial de Drogodependencias. Proxectouse en bancais elevados, que facilitarán a realización de tarefas hortícolas.
- Horto para Maiores: A súa finalidade é servir de terapia en persoas da terceira idade. Deseñouse, como o anterior, en socalcos elevados que favorecerá poder traballalos dende unha postura máis cómoda.
- Horto Escolar: destinado ao alumnado das escolas, especialmente das máis próximas, para que sexan visitados en compañía do equipo docente e aprendan, dende curta idade e de forma práctica, sobre cultivos. Prevese un uso maioritariamente en días de semana.
- Horto Familiar: dirixido a familias con crianzas, estímase que a súa utilización será en fines de semana o que evitará que se solape en horario cos anteriores.
- Horto Didáctico: a súa principal finalidade é trasladar coñecementos e información ás e aos usuarios das parcelas sobre o seu mantemento e tamén será empregado para a realización de obradoiros afíns.
Igualmente, as parcelas contarán con bancais de cultivo formados por travesas de madeira e recheos de terra vexetal. De maneira que uns irán a nivel do solo e outros serán elevados, pensando e aportar confort aos colectivos con dificultades de mobilidade.
A modalidade de agricultura en chan se desenvolverá en socalcos de diferentes dimensións segundo o espazo dispoñible, de maneira que permitan o paso das e dos usuarios e de calquera equipo ou ferramenta de cultivo. Estarán organizados en liñas rectas para facilitar os labores de plantación e rega e permitirán o traballo simultáneo entre varias persoas.
En canto á agricultura en altura poderá facerse ben en espaleiras, ben en vertical.
As tres áreas acollerán:
- Zonas axardinadas. Que amosarán unha selección de especies aromáticas, arbustivas, tapizantes e herbáceas, baseada en diversas características de interese paisaxístico como a súa forma, textura, cor, fragancia, que atraian polinizadores, etc...
- Zonas estanciais. Próximas aos cultivos e proxectadas baixo a sombra das árbores dotadas de bancos, para facilitar o descanso, e de mesas de picnic – tamén infantís – e randeeiras de dúas prazas para propiciar as relacións interxeracionais da veciñanza.
O mobiliario seleccionado responde a criterios de funcionalidade e durabilidade.
As parcelas irán pechadas cun valado baixo de madeira que permita delimitar o espazo sen impedir a visibilidade cara o interior da mesma, de xeito que convide a entrar e haberá aparcabicis para brindar facilidades ás e aos ciclistas e fomentar o uso do carril que se habilitará en Infanta Elena.
Instalaranse así mesmo papeleiras e fontes de auga de fundición así como letreiros informativos que indiquen o tipo de horto ou permitan localizalos con maior facilidade dentro do recinto.
Á súa vez, todas as parcelas contará con zonas intersticiais, espazos libres entre as áreas que servirán para a circulación peonil e o desenvolvemento das actividades asociadas ao cultivo.
As persoas usuarias disporán de edificios de servizo para o almacenamento de apeiros e con aseos, de maneira que complementen e fagan máis cómoda a realización das tarefas hortícolas. As fachadas destas construcións poderán aproveitarse para a práctica da agricultura en altura.
LOCALIZACIÓN E USOS DAS PARCELAS
O proxecto distribúese en tres parcelas.
A Parcela 1, lindeira coa avenida Infanta Elena e co Edificio Impulso Verde é a de maior visibilidade e tamaño (5.398’31 m²). Contará con hortos cidadáns, terapéuticos e para maiores e incorpora tamén hoteis de insectos para incrementar a biodiversidade.
Estes terreos albergarán, asemade, xardíns de choiva naturais e artificiais que, se ben no primeiro caso, aproveitarán a escorrentía para dar lugar a espazos delimitados para o crecemento de plantas tolerantes ao anegamento, no segundo prepararanse para recoller a auga da choiva nas cubertas dos edificios.
A Parcela 2, sita entre a confluencia da avenida Infanta Elena co supermercado Lidl (1.940’57 m²), goza dunha alta visibilidade o que a fai apta para a creación de hortos cidadáns e cultivos verticais de amorodos.
E, por último, a Parcela 3, localizada xunto á Escola Infantil Galiña Azul (5.271’26 m²), se destinará ás crianzas como usuarios principais polo que contará con hortos escolares, familiares e didácticos.
Xa no que ten que ver co axardinamento desta nova zona verde a premisa foi a de poder ofrecer un percorrido atractivo para as e os usuarios a través dos distintos espazos. De xeito que nos recintos se adoptarán formas orgánicas, que rompan coa simetría da distribución dos bancais de cultivo e dean lugar a un equilibrio e harmonía no seu conxunto.
A selección de especies vexetais se levou a cabo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela seguindo criterios de tolerancia ás condicións do chan, a adaptación ao clima e o interese paisaxístico.
A actuación suporá un investimento de 727.474 euros.
Xa para rematar, a rexedora de Lugo relatou que, logo da súa adxudicación, este mércores, o primeiro que se fará será unha roza e limpeza total da extensión, xa que a súa topografía sensiblemente plana fai innecesario realizar movementos de terra. Toda vez que estea despexada e limpa, o seguinte será facer a reformulación para conformar o perímetro da obra e os contornos onde se situarán os camiños e socalcos.
As tres áreas contarán con redes xerais de rego e de drenaxe e tubaxes de reparto de auga con cadansúa chave de peche en todos os bancais.
O encargo das especies vexetais farase de maneira planificada e coordinada coa evolución que siga a execución da obra para poder plantalas de xeito inmediato aínda que o mobiliario fixo se instalará previamente para evitar danalas durante a súa colocación. Ademais, prevalecerán sempre os métodos biolóxicos, biotecnolóxicos e físicos para o control de pragas e enfermidades. A conservación de todos estes espazos inclúe non só o mantemento de todos os elementos que os integran senón tamén a limpeza diaria dos xogos infantís e do mobiliario, a súa reposición e mesmo a creación dun inventario de todas as unidades existentes nas zonas públicas que se actualizará semanalmente.
A actuación terá un custo de 727.474 euros e estará cofinanciada pola Unión Europea e liderada polo Concello de Lugo, coa colaboración da Deputación Provincial e o labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid.