Lugo contará con novos espazos peonís desde a Ponte Romana ata a rúa Santiago

LugoXa
Vanse rexenerar os espazos lucenses desde a Ponte Romana ata a rúa Santiago. Reducirase o paso de vehículos por este itinerario
INFOGRAFIA5
11 Oct 2021

Reducirase o paso de vehículos por este itinerario, diminuíndo a contaminación medioambiental e acústica nunha zona de alta protección na que conflúen a Ponte Vella, as Termas Romanas, o Camiño de Santiago e a Vía Romana.

Hoxe anunciouse unha nova actuación de rexeneración e recuperación dos traxectos e espazos que van desde a Ponte Romana ata a rúa Santiago a través dun proxecto de peonalización e humanización para así seguir contribuíndo a mellorar un dos principais accesos ao río e incrementando a lonxitude das sendas peonís e ciclistas para acceder á zona fluvial.

O ámbito de intervención abarca a explanada diante da Ponte Romana, a rúa Calzada da Ponte, o acceso desde o enlace da Volta da Viña coa N-VI e os ramais de San Lázaro e de acceso á N-VI, así como o viario cara o Balneario, aínda que non se chegará ata as termas porque Patrimonio non o autorizou. Actuarase nun total de 640 metros de lonxitude, que coinciden, en gran parte, cos do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX.

O deseño está proxectado para ser totalmente respectuoso co patrimonio e para xerar un mínimo impacto visual e ambiental. Coa peonalización reducirase o paso de vehículos por este itinerario, reducindo os niveis de contaminación medioambiental e acústica, o que axudará tamén a poñer en valor a riqueza natural e do patrimonio romano e medieval que atesoura esta zona, ao tempo que o estacionamento dos residentes está garantido porque tamén se deixan prazas para as vivendas que non dispoñen de garaxe e, polo tanto, de vao.

O proxecto vese afectado polas áreas de protección da Ponte Vella, as Termas Romanas do Balneario, o Camiño de Santiago e a Vía Romana, polo que foron necesarios os informes e permisos de Patrimonio da Xunta e da Confederación Hidrográfica.

O investimento da intervención, que este mércores se levará á Xunta de Goberno Local para iniciar o procedemento de licitación, ascende a 1.600.000 euros e o prazo de execución é de 12 meses desde a acta de replanteo. A obra está enmarcada na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER.

Dende o Concello lembran que para planificar este proxecto tomouse o pulso de diversos colectivos veciñais e empresariais, “aos que consultamos para coñecer as súas demandas, suxestións e necesidades co fin de incorporalas, e por iso quero recoñecer as súas achegas”.

RESUMO DAS OBRAS A REALIZAR

  • O soterramento daqueles servizos que estean aéreos: iluminación pública, telefonía, baixa tensión.
  • A reparación da rede de saneamento existente, que se atopa en mal estado e presenta diversas fugas e roturas.
  • A demolición de pavimentos na totalidade do ámbito de actuación, que serán substituídos por outros máis adecuados para o tráfico peonil e máis respectuosos co ámbito de protección patrimonial.

En canto a estes pavimentos, definíronse tres tipos diferentes, acordes ao ámbito de aplicación. Así, figura un composto por laxas de pedra de granito silvestre gris ou branco, seleccionado, que se usará en toda a rúa. Outro a base de pedra de granito Rosa Porriño, seleccionado, que se instalará entre a Rúa Santiago e Paso Inferior da Rolda do Carme, para definir as zonas de aparcadoiro para residentes. E un terceiro, de aglomerado asfáltico, para o Ramal de Incorporación desde Calzada da Ponte ao Hostal San Lázaro, no que se repón o firme existente, que se atopa en mal estado.

A mellora dos 2 pasos inferiores existentes (en Ronda do Carme e na N-VI) – cunha grande complexidade técnica – que se rexenerarán visualmente para darlle un aspecto máis respectuoso ao ser Camiño Primitivo, ademais de proceder a dotalos de maior luz, seguindo criterios de eficiencia enerxética e de xénero.

Unha actuación na que a rexedora explicou “se estudou especialmente a mellora da accesibilidade, de maneira que se disporá dun itinerario adaptado á entrada desde a Rúa Santiago e, dado que a pendente media da rúa Calzada da Ponte é moi elevada, realizarase unha actuación de substitución do pavimento actual, que non cumpre agora cos criterios de accesibilidade”.

Igualmente serán substituídas as tapas existentes de fundición por outras pavimentables, evitando os problemas de accesibilidade causados pola presenza das mesmas.

Así memo, informaron de que se repararán diversas escaleiras de acceso á Calzada da Ponte, “en especial as que conectan o lado sur de Rolda do Carme con Calzada da Ponte, xa que ao estar realizadas en lastro, son causa de filtración de augas de escorrentía aos edificios adxacentes”; cambiaranse as varandas peonís que se atopan na parte superior da Rúa Santiago polo modelo da Rolda da Muralla - para harmonizar o conxunto - e instalarase unha escaleira peonil que conecte o barrio de San Lázaro coa Calzada da Ponte, ademais de substituír a que hai actualmente na área de descanso do camiño de acceso ao Balneario que se atopa moi deteriorada.

Tamén fixeron especial fincapé na humanización de todo o percorrido con zonas axardinadas e mobiliario urbano respectuoso coa entorna patrimonial protexida, “de xeito que na zona verde do camiño de acceso ao Balneario colocaremos bancos con respaldo formados por taboleiros de madeira de Guinea e pés de aceiro galvanizado en quente e adaptaremos unha esquina perdida na rúa Santiago, actualmente ocupada por vehículos, colocando unha varanda para evitar caídas de peóns”, avanzaron dende o Goberno local.

Xa na zona a rexenerar da Rúa Santiago, colocarase un parklet urbano, con xardineiras e bancos de granito, incluíndo respaldo e asento en madeira tratada; ademais, instalaremos neste espazo dous módulos aparcabicis de aceiro galvanizado para 12 prazas e unha papeleira.

Neste caso, o pavimento irá cinco centímetros máis elevado que o circundante co pavimento granítico tipo 2, incluíndo ramplas do 10% para manter a accesibilidade dos mesmos. Adicionalmente, colocarase un valo do modelo existente na Rúa Santiago en cor negra ou fundición para evitar as caídas a distinto nivel.

Actuarase sobre a zona actual de céspede da Rúa Calzada da Ponte, coa súa renovación, conectando un sistema de rega automática e arbustos decorativos.

“Deseñamos, ademais, unha zona de descanso con zonas verdes, pensando nos peregrinos, xunto ao Paso Inferior da N-VI, con outro parklet urbano, deseñado como o anterior, así como unha fonte e papeleiras. Neste caso tamén elevarase o pavimento e incluiranse ramplas para manter a accesibilidade dos mesmos”, puntualizaron dende o Concello.

“Por último, colocaremos carteis informativos sobre o Camiño de Santiago e un banco intelixente de recarga solar de bicicletas no paseo Fluvial de Río Miño”, apuntaron.

0.1528148651123