Lugo contará cun centro de atención 24 horas a víctimas de violencia sexual
Lugo contará cun centro de 24 horas de atención integral ás vítimas de violencia sexual durante os 365 días do ano tras un convenio de colaboración entre a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Mediante esta colaboración, Igualdade transfire a Sanidade un total de dous millóns de euros para a creación destes centros que comezarán polas áreas sanitarias de Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo, no marco do desenvolvemento do Plan España Te Protege (III)-Creación de servicios de atención integral 24 horas a víctimas de violencia sexual, integrado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da economía española.
Nestes centros ofrecerase acompañamento e información telefónica, telemática e presencial, e cumprindo cos criterios de atención permanente e actuación urxente, os centros facilitarán atención psicolóxica, xurídica e social para vítimas, familiares e persoas da contorna mediante persoal cualificado.
O emprazamento dos centros 24 horas en áreas sanitarias de Galicia facilitará unha mellor coordinación dos servizos na atención de emerxencia ás posibles vítimas de violencia sexual. Deste xeito, os dous departamentos autonómicos unen os seus recursos e esforzos mediante este acordo de colaboración para unha xestión eficaz e eficiente das medidas que se levarán a cabo.
A Xunta está a reforzar o traballo que realiza para loitar contra a violencia sexual. Ademais de poñer a disposición das vítimas recursos económicos e de apoio sanitario, psicolóxico e xurídico, centra o seu labor na prevención e sensibilización en idades temperás. A Administración autonómica, ademais, está aliñada co ámbito policial e forense e incide na importancia de que as mulleres denuncien porque contribúen a visibilizar este problema e permiten que se poñan en marcha todos os mecanismos para poder axudalas.