Lugo contará cun centro de atención integral á saúde mental na antiga sede de Aspnais
O antigo edificio de Aspnais, en Lugo, converterase nun centro de atención integral á saúde mental, que será xestionado pola entidade Alume, segundo anunciou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, durante a presentación do anteproxecto.
A Xunta prevé unha inversión de 3,6 millóns de euros para a reforma completa do edificio, adaptándoo ao seu novo uso. A Consellería estima que o inmoble estará operativo en 2027. O primeiro paso será a licitación da redacción do proxecto, que se realizará no primeiro trimestre deste ano, segundo avanzou a conselleira.
O edificio, situado nunha parcela de 9.000 metros cadrados, contará con tres plantas nas que se combinarán un centro de día, un centro residencial, unha área social e distintas zonas polivalentes de uso común. Disporá de 80 prazas concertadas de atención residencial e diúrna. Este proxecto permitirá, ademais, o traslado e a centralización de todas as actividades actuais da entidade social Alume nun único complexo, que a conselleira definiu como "unha referencia para toda Galicia".
O centro de día situarase na zona baixa, cun acceso na parte traseira adaptado para vehículos, mentres que os dormitorios estarán localizados nos laterais. Na zona central do edificio estarán as salas comúns e os servizos. O único cambio estrutural previsto no anteproxecto será a inclusión dun novo ascensor.
Manuel Fernández, presidente de Alume, agradeceu a inversión e a xestión realizada pola Xunta, que permitirá "un aumento cuantitativo e cualitativo" dos servizos que presta a entidade.
Pola súa banda, Fabiola García destacou o traballo de Alume ao longo de 30 anos, "en favor das persoas con problemas de saúde mental, promovendo a súa recuperación e inclusión sociolaboral para mellorar a súa calidade de vida". A conselleira cualificou este proxecto como necesario para a cidade, para a provincia e para Galicia, subliñando o "importante esforzo económico que se fará para apoiar ás persoas que o precisan e para situar a saúde mental no centro das políticas públicas".
Reacción municipal
A voceira do Goberno local, Ana González Abelleira, expresou a súa satisfacción "por ver cumprido o noso obxectivo de recuperar a antiga sede de Aspnais como equipamento sociosanitario, unha necesidade pola que o Concello leva anos loitando". A portavoz lembrou as numerosas reivindicacións feitas á Xunta ao respecto nos últimos anos.
Con todo, criticou que o Concello de Lugo non fose convidado á presentación do proxecto, considerando isto "unha demostración máis da falta de lealdade institucional que caracteriza a forma de gobernar da Xunta". González Abelleira instou á Administración autonómica a "replantexarse a súa forma de proceder e a entender que o mellor camiño para avanzar como sociedade é sumar o traballo de todos os axentes sociais e institucionais, incluíndo a todas as Administracións".