Lugo contará cun Consello das Persoas Maiores no 2024
O Executivo de Lara Méndez, a través da área de Benestar Social que dirixe Olga López Racamonde, porá en marcha neste 2024 o Consello das Persoas Maiores. “Un órgano que pretende ampliar a participación activa e a integración do colectivo na vida municipal, en prol de acadar un maior nivel de benestar para o conxunto da sociedade”, indicou a concelleira.
López Racamonde explicou que, logo do traballo realizado durante os últimos meses, o servizo xa dispón das bases que rexerán o seu funcionamento, “avanzando así na súa constitución á que nos comprometemos durante as últimas Xornadas de Atención Sociosanitaria á Terceira Idade, organizadas polo Concello”.
A edila fixo fincapé en que “este sector, que constitúe unha parte moi importante da poboación, ten unha consideración específica dentro da propia configuración dos Servizos Sociais, polo que, co ánimo de fomentar a súa autonomía e favorecer a súa inclusión real en todos os ámbitos, entendemos non só útil senón tamén necesario a constitución deste novo ente no que Terán representación os distintos estamentos da cidade para atender e escoitar as súas necesidades e demandas específicas”, avanzou López Racamonde.
Impulsar investigacións
A concelleira referiu tamén que, entre outros aspectos, a entrada en funcionamento deste novo Consello Municipal das Persoas Maiores contribuirá a potenciar a coordinación entre as institucións e entidades asentadas no termo municipal, promovendo a realización de estudos e investigacións relevantes para este grupo da poboación ou calquera outra acción que se derive da súa propia dinámica social.
“As consecuencias da pandemia e postpandemia agravaron as repercusión e problemáticas que afectan de forma moi incisiva ás persoas maiores de 65 anos, como a soidade non desexada ou o illamento social froito da fenda dixital”, destacou López Racamonde. Conscientes desta realidade e do feito de que “en Lugo viven máis de 21.000 persoas maiores, son numerosas as iniciativas municipais que se promoven dende o Concello en prol da súa atención”.
A iniciativa súmase ao programa de apoio Acompañámoste, aínda que tamén están a artellar “a través dos centros cívicos, unha ampla programación sociocultural na que se inclúen múltiples actividades para fomentar o envellecemento activo como pode ser o exercicio físico, obradoiros de memoria ou cursos en competencias tecnolóxicas”.
Mais pretenden seguir progresando e, por iso, están convencidos de que este órgano será “unha ferramenta moi valiosa para visualizar e consolidar o labor que vimos desenvolvendo, neste sentido, desde o Goberno local nos últimos dous mandatos”, concluíu López Racamonde.