Lugo contará cun novo pavillón multidisciplinar na Garaballa
Lugo contará cun novo pavillón multidisciplinar, no marco do proxecto Lugo Sport Life, que hoxe presentou a alcaldesa Lara Méndez.
"Esta iniciativa nace coa vontade de acompañar o desenvolvemento do programa LIFE Lugo+Biodinámico, pois a infraestrutura situarase no entorno do novo barrio multiecolóxico da Garaballa e construirase seguindo os criterios de sustentabilidade e aforro enerxético que persegue esta programación e que caracterizan o deseño das cidades verdes do futuro na loita contra o cambio climático", explicou a rexedora.
O pavillón multidisciplinar contará cun orzamento de case 3 millóns de euros. Construirase nunha parcela de titularidade municipal duns 3.500 metros cadrados ao carón da rúa Veiga Grande, fronte ao centro comercial As Termas.
Con estas instalacións o Concello pretende dar resposta a unha demanda social. "A demanda de espazos para practicar deporte en interior é cada vez maior na cidade, de aí a necesidade de promover un proxecto ambicioso co que ofrecer ás e aos lucenses unhas instalacións modernas e de calidade para o futuro. Actualmente, atopámonos cunha falta de dotacións para dar cabida á crecente demanda, sobre todo dos deportes de balón e de ximnasia rítmica, pois esta modalidade deportiva precisa dunha determinada altura, polas súas características de competición”, explicou o concelleiro de Deportes, Miguel Fernández.
DOTACIÓNS
O novo polideportivo disporá dunha pista central multifuncional, catro vestiarios e zonas de almacenaxe. Así, ofrecerá a posibilidade de albergar competicións de fútbol sala, baloncesto, balonmán, minibasket, voleibol, bádminton e ximnasia rítmica, entre outros deportes de interior. Tamén disporá dunha zona de recepción e un espazo de carácter social.
A maiores, o proxecto contempla un sistema de bancada retráctil para todo o complexo, acompañado de dúas pequenas bancadas laterais fixas, podendo albergar un aforo de case 1.000 espectadores segundo a configuración. Segundo o Concello, este sistema confire gran versatilidade á hora de ofrecer distintos espectáculos deportivos: segundo a modalidade deportiva recolocaranse as bancadas, ao mesmo tempo que se aumenta ou diminúe a súa capacidade e, dado o caso, tamén existirá a posibilidade de recoller todas as bancadas para aumentar o espazo dispoñible para calquera evento.
ORZAMENTO
A alcaldesa explicou que para afrontar os preto de 3 millóns do orzamento do proxecto se pedirá a colaboración tanto da Secretaría Xeral de Deportes da Xunta de Galicia, como da área de Deportes da Deputación de Lugo, de xeito que cada administración aporte un terzo do seu custo.
Neste senso, lembrou que existen dous acordos plenarios aprobados por unanimidade de todos os grupos políticos da corporación de Lugo, e incluso un acordo do Pleno da mesma Deputación Provincial, no que se consensuou instar ás Administracións a acadar un compromiso económico para a construción deste polideportivo. Con este fin, o Concello solicitará manter reunións cos responsables de Xunta e da Deputación para abordar esta cuestión.