Lugo contará cun reforzo da vixilancia policial durante as fines de semana
A alcaldesa, Lara Méndez, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, abordaron esta mañá, nunha xuntanza celebrada na Casa Consistorial, a organización dos dispositivos que se desenvolverán na capital durante as fines de semana co obxectivo de disuadir comportamentos violentos e condutas incívicas.
“Sabemos, as cifras así nolo constatan, que Lugo é un municipio seguro, o máis seguro de Galicia pero, aínda así, conscientes da preocupación social que agromou tralos últimos altercados rexistrados no Casco Histórico, imos fornecer os efectivos para garantir a orde pública”, afirmou a rexedora.
Precisamente, neste mesmo sentido, a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez destacou que “Lugo é unha cidade tranquila e segura e as forzas de seguridade traballan para que continúe a ser así”. Así o demostran as estatísticas policiais que reflicten un descenso do 9,84% dos delitos graves e menos graves rexistrados na cidade o ano pasado en relación cos rexistrados antes da pandemia, en 2019.
Isabel Rodríguez manifestou, en todo caso, que comprende “a inquietude que causa nunha sociedade tranquila como Lugo calquera agresión ou feito delitivo”, pero trasladoulle aos lucenses “a seguridade de que os profesionais da Policía saben facer o seu traballo e establecerán todos os reforzos de vixilancia que sexan necesarios”.
A subdelegada puxo en valor a profesionalidade e compromiso das forzas de seguridade do Estado e a súa estreita colaboración coas policías local e autonómica na cidade e a provincia de Lugo. “Esas son as nosas instrucións e así é como están a traballar, en coordinación, con prontitude e eficacia, para resolver calquera feito delitivo ou problema de convivencia que se produza”, explicou. Como mostra da boa coordinación existente, Rodríguez lembrou o gran traballo feito na protección dos lucenses nos peores momentos da pandemia.
Pola súa parte, a alcaldesa puxo en valor a colaboración e a boa coordinación entre os distintos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado que, “como aconteceu este sábado, posibilitou unha rápida e eficaz intervención para atallar a liorta que se estaba a producir nas inmediacións da Catedral”, sinalou. “Do mesmo xeito, durante as vindeiras semanas Policía Nacional e Local manterán diversos operativos na zona para realizar un control exhaustivo sobre as reunións e as concentracións de persoas que propicia o ocio nocturno nesta contorna”.
“Así, referiu Méndez, incrementarase a presenza de axentes alí onde sexa necesario para velar pola protección da veciñanza e do patrimonio, para controlar que se respecten as recomendacións sanitarias en vigor e as limitacións establecidas pola pandemia, como xa se viña facendo até o de agora, pero poñendo o foco, nominativamente, en evitar calquera tipo de proceder indebido ou de enfrontamento”, afirmou.
A alcaldesa apelou, unha vez máis, á responsabilidade individual e colectiva da cidadanía.
“Lugo é un concello cun basto patrimonio cultural e artístico e tampouco podemos perder de vista a circunstancia de que temos un Casco Histórico vivo e dinámico, habitado e no que se concentra unha boa parte do sector servizos e da hostalaría local. O que cómpre agora é axuntar esforzos para conciliar o dereito ao descanso e a convivencia tranquila das persoas que residen nel, coa viabilidade empresarial e coa interacción social pero sempre dunha forma pacífica e respectuosa. De non ser así, que saiban aqueles ou aquelas que infrinxan as normas, as Administracións tomaremos medidas, primeiro para previr que se incumpra a lei e se cometan agresións pero tamén para sancionar calquera falta ou delito que se cometa”, concluíu Lara Méndez.