Lugo contará cunha nova área de esparexemento

LugoXa
O Concello de Lugo anunciou a apertura dunha nova área de esparexemento para a cidadanía no barrio de Paradai.
banco paradai
7 Jun 2022

O Concello de Lugo vén de presentar unha nova zona de esparexemento, esta vez, na ona de Paradai. Así o anunciaron onte a rexedora de Lugo, Lara Méndez, e o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, que avanzaron que o Executivo pretende humanizar esta parte da cidade, incrementando a súa habitabilidade.

O recinto, situado na confluencia das rúas Río Sil, Hórreo e Lucas Ferro Caaverio se constitúe como unha moderna e cómoda área de descanso que completa as dotacións xa existentes neste punto da capital.

“A nosa intención era a de contribuír á rexeneración deste barrio e dar resposta, ao mesmo tempo, ás demandas que nos traslada a cidadanía. De maneira que, mentres este novo emprazamento posibilita a socialización, estamos mellorando a imaxe da contorna nunha tripla vertente: urbanística, social e de servizos”, afirmou a alcaldesa.

Pola súa parte, o concelleiro de Medio Ambiente lembrou que “a actuación consistiu na creación dun percorrido peonil circular, cunha traza en planta semellante a un oito, que ofrece un banco continuo, de case 30 metros de lonxitude, coa mesma forma. Este conxunto, que posúe alén unha área axardinada, encerra unha gran árbore cuxa misión é a de proxectar sombra sobre a superficie do asento que, igualmente, foi dotado de iluminación indirecta para achegar calidez nocturna”.

Miguel Fernández explicou que os labores, que tiveron un prazo de execución de tres meses, supuxeron un investimento municipal de 48.373 euros. “Falamos dunha intervención que non foi moi onerosa pero que, pola contra, terá un gran repercusión, moi positiva, para a cidadanía”, concluíu o edil.

0.16952300071716