Lugo contará cunhas xornadas de sensibilización sobre mocidade, drogas e condución

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e Deportes, organiza os días 16 e 17 de xullo na Praza Maior, diante da Casa Consistorial, unhas xornadas de sensibilización dirixidas á mocidade baixo o título Mocidade, drogas e condución – CONDU-CERO, unha proposta do programa municipal +XTi 2025 que convida a reflexionar de maneira dinámica e participativa sobre os riscos do consumo de substancias no contexto da condución.
O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, sinalou que “actividades como esta son fundamentais para xerar conciencia e sentido crítico nun formato accesible para todos os públicos. Cómpre ofrecer espazos de reflexión, pedagóxicos e participativos que conecten coa realidade da mocidade e inviten a tomar decisións responsables que lles permitan disfrutar con seguridade”.
As xornadas desenvolveranse en horario de 17:30 a 21:30 horas, e aínda que están pensadas preferentemente para a poboación nova de entre 14 e 35 anos, están abertas á participación de persoas de todas as idades, que tamén reciben o impacto das dinámicas e mensaxes lanzadas. Durante a actividade, haberá probas con gafas de simulación que permiten experimentar os efectos da condución baixo a influencia de drogas ou alcohol, un circuíto de habilidades con vehículos a pedais, retos guiados por monitores especialistas, música, información, bebidas 0,0 e agasallos para todas as persoas que participen.
A proposta configúrase como un espazo lúdico e educativo a pé de rúa, que busca implicar activamente á mocidade nun proceso de aprendizaxe vivencial e concienciación realista, empregando ferramentas innovadoras e accesibles. Na edición do ano pasado, esta actividade contou cunha media de 100 participantes directos en cada xornada, consolidándose como unha das accións con maior acollida dentro do programa +XTi.
A participación é totalmente libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa. As persoas interesadas poden obter máis información a través do portal web www.lugomasxti.org ou chamando ao teléfono 982 297 498.
A iniciativa está organizada e financiada polo Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e Deportes, e conta co apoio do Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional sobre Drogas.