O ciclo de Saúde Feminina celebra en Lugo un obradoiro sobre a perimenopausa e a conexión co corpo

A Área de Muller e Igualdade do Concello de Lugo segue apostando polo benestar integral das mulleres coa celebración dun novo obradoiro enmarcado no ciclo de Saúde Feminina.
A sesión terá esta tarde de xoves, 10 de abril, ás 18.00 horas na Casa da Xuventude, e estará centrada na etapa da perimenopausa e a menopausa, incidindo na importancia de manter unha conexión consciente co corpo durante este proceso vital.
A actividade será impartida pola fisioterapeuta Carolina Río, quen abordará aspectos clave desta etapa da vida feminina desde unha perspectiva de saúde e autocuidado.
Este obradoiro forma parte das Xornadas de Saúde Feminina promovidas polo Goberno local, un ciclo que se desenvolverá ata o mes de xuño con diferentes charlas e actividades orientadas ao benestar físico e emocional das mulleres. A asistencia é gratuíta, aínda que é necesario inscribirse previamente a través do correo igualdade@lugo.gal.
A próxima sesión das xornadas celebrarase o 24 de abril no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra e estará dedicada ao dano cerebral adquirido nas mulleres. Nesta ocasión, contarase coa participación da Asociación Dano Cerebral Lugo, que ofrecerá unha visión especializada sobre esta problemática e o seu impacto no colectivo feminino.
Con esta iniciativa, o Concello de Lugo reafirma o seu compromiso coa saúde das mulleres e a promoción de espazos de formación e apoio adaptados ás súas necesidades ao longo das distintas etapas da vida.