Lugo continúa coa promoción do xadrez entre os escolares
O Concello de Lugo xunto á asociación Xaquedrum continúa co ciclo Xadrez para todos. Unha actividade de promoción do xadrez que nace co obxectivo de “espertar a curiosidade e o interese polo xadrez”. Así o explicou o edil Felipe Rivas.
A programación do ciclo pretende achegar o xadrez ás e aos escolares lucenses. O programa lévase a cabo no horario lectivo e vai dirixido especialmente aos alumnos de primaria. Todos os centros públicos da cidade están participando nas actividades, o que fai que máis de 1.000 nenas e nenos estén a aprender xadrez no seu centro de ensino.
A metodoloxía dos cursos é participativa e onde o alumno vai aprendendo xogando e vendo os resultados dá súa aprendizaxe. As sesións comezan cunha breve explicación e as e os estudantes, posteriormente poñen en práctica os coñecementos achegados xogando diferentes posicións cos seus compañeiros.
Felipe Rivas destacou “o grande interese que está a achegar o xadrez na poboación”, e engadiu “a práctica do xadrez supón un magnífico instrumento para adquirir unha maior axilidade mental e unha serie de habilidades sociais tales como a capacidade de concentración e de síntese, ademais de mellorar a memoria, o cálculo, a toma de decisións ou a creatividade”.