Lugo conveniará con Sanidade para a reforma do Centro de Saúde da Milagrosa
O Concello de Lugo e a Consellería de Sanidade traballarán da man para proceder á reforma do Centro de Saúde da Milagrosa. Así o anunciou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que asinará un convenio de colaboración que, logo de autorizarse esta semana en Xunta de Goberno, amparará a realización das obras de rehabilitación do ambulatorio e que, segundo sinalou a rexedora, “resultan tan necesarias como demandadas son por parte da cidadanía lucense e do persoal sanitario que traballa nelas”.
Méndez cualificou a relación de cooperación entrámbolos dous organismos como “un exemplo máis do entendemento tan necesario entre dúas Administracións que priorizan os puntos converxentes na procura do ben común” e non dubidou en sinalar que, entre os obxectivos deste acordo, figura o de “darlle resposta aos problemas de saúde da poboación mediante actuacións que permitan mellorar as dotacións e as infraestruturas dedicadas á atención asistencial, o que fai necesario acondicionar as instalacións da Milagrosa”.
A alcaldesa destacou que, “conscientes desa necesidade, Xunta e Concello decidimos unir os nosos esforzos na procura desa finalidade, como facemos en tantas outras ocasións” e sinalou como exemplos a construción do Centro Integral de Saúde no barrio da Residencia ou a recuperación do Pazo de Dona Urraca.
Así, o documento que se validará mañá, recolle como obrigas da Institución local o regulamento, nas Ordenanzas correspondentes, da exención á Xunta de Galicia do pagamento do Imposto de Bens Inmobles a favor dos centros sanitarios e dunha bonificación do 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que así xustifiquen tal declaración e que lle corresponderá autorizar ao Pleno da Corporación.
Mentres, o Servizo Galego de Saúde se compromete, pola súa parte, á supervisión e aprobación do proxecto técnico, así como a contratar, dirixir e executar a reforma do Centro de Saúde con cargo aos seus orzamentos.
“Un fin para o cal dende o Concello lle facilitaremos, como sempre facemos, toda a documentación necesaria encamiñada á redacción do proxecto de obras, incluídas as licenzas e demais permisos urbanísticos que sexan necesarios”, explicou Méndez.
A rexedora avanzou que, para dar cumprimento ao acordado, constituirase unha comisión de seguimento integrada por dúas persoas representantes de cada unha da partes que, entre outros cometidos, impulsará e avaliará o respecto aos termos fixados no documento” e aclarou que o mesmo terá unha vixencia de catro anos, podendo ser prorrogado até un límite de oito.