Lugo convértese en referencia para a arte urbana
A cidade estase a converter nunha referencia para a arte urbana grazas ao novo Curso de Primavera, que se desenvolve ata o venres na Facultade de Humanidades, baixo o epígrafe Pegadas no muro: Relatos e proxectos de arte urbana. Diego AS, Yoe 33, May Rojas, Pía Piadosa ou Asunción Moreno participarán no curso, coordinado por Miriam Elena Cortés López e Patricia Cupeiro López, xunto con outros 30 artistas, expertos e investigadores.
No acto a deputada de Cultura, Iria Castro, asegurou que a iniciativa axuda a posicionar Lugo, “con murais e artistas recoñecidas en Galiza e internacionalmente, e agora tamén como materia de estudo no ámbito académico”. A deputada de Cultura e a concelleira de Cultura Maite Ferreiro participarán na mesa redonda Arte urbana. Tecendo redes na que exporá as iniciativas promovidas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e polo área de Cultura do Concello de Lugo no ámbito da arte urbana. O venres, a directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro impartirá a conferencia Arte urbana e muralismo galego. Consolidación e recoñecemento.
O crecente impacto que está a ter a arte urbana en Galicia e, particularmente, na capital luguesa, propiciou que a Facultade de Humanidades optara por analizar este fenómeno artístico dende diferentes perspectivas: artística, estética, histórica, social, didáctica, antropolóxica, xeográfica, comunicativa..., no marco desta nova edición do Curso de Primavera da USC.
Orixes da pintura urbana
As orixes da pintura parietal conducen a escenarios moi antigos, pero estas manifestacións, aínda que con intencionalidade e mensaxes diferentes, teñen continuidade desde as pinturas rupestres ata a actualidade, indican estas investigadoras, ao tempo que subliñan que todas comunidades culturais atopan no muro un soporte para a expresión artística e para trasladar mensaxes.
No caso galego, esta evolución impulsou nas últimas décadas o inicio dunha forte actividade no ámbito das industrias culturais, que atopan na arte urbana unha ferramenta axeitada para revalorizar espazos urbanos e para establecer novas relacións entre a veciñanza. A arte urbana, aínda que de xeito indirecto, está a conseguir dinamizar a oferta cultural de moitas cidades e zonas rururbanas en Europa. A creación de rutas culturais creadas arredor deste fenómeno reflicte a súa pegada e tamén dá conta do seu crecente impacto económico.