Lugo convértese no epicentro do voleibol europeo coa Golden League no Pavillón Municipal

LugoXa
“Eventos como este non só permiten gozar en Lugo de deporte de elite, senón que atraen a centos de persoas afeccionadas de toda España", explicou o alcalde, Miguel Fernández
Golden-League-Europea-voleibol-Lugo
16 Jun 2025

O Pavillón Municipal de Lugo converterase esta fin de semana no epicentro do voleibol continental ao acoller a fase da Golden League Europea masculina, un evento de alto nivel enmarcado no acordo de colaboración entre o Concello de Lugo e a Real Federación Española de Voleibol. As seleccións absolutas de España, Eslovaquia e Letonia medirán forzas nun torneo que promete emoción e espectáculo.

O campionato dará comezo o venres 20 de xuño cun encontro entre España e Eslovaquia ás 19:30 horas. O sábado 21, Letonia e Eslovaquia xogarán ás 17:00 horas, mentres que o domingo 22, tamén ás 19:00 horas, pecharase o calendario cun España–Letonia. Todos os partidos terán lugar no Pavillón Municipal con entrada libre ata completar aforo.

A presentación oficial tivo lugar este luns no propio recinto e contou coa participación do alcalde de Lugo, Miguel Fernández; o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos; o xefe territorial de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Otero; e o presidente da Federación Galega de Voleibol e vicepresidente da RFEVB, José Ángel Luna. Tamén estiveron presentes o seleccionador nacional, Hubert Henno, e o capitán do equipo español, Ángel Trinidad.

“Eventos como este non só permiten gozar en Lugo de deporte de elite, senón que atraen a centos de persoas afeccionadas de toda España e xeran un importante retorno económico na hostalaría e no comercio local”, destacou o alcalde, quen subliñou que “o Pavillón Municipal está chamado a ser un dos grandes referentes do voleibol en España”. Fernández remarcou ademais que Lugo está aproveitando ao máximo o convenio coa Federación, converténdose na casa das seleccións españolas durante este 2025, o que representa “unha oportunidade única para impulsar o turismo deportivo e consolidar o prestixio da cidade como sede de grandes eventos”.

No marco desta aposta polo voleibol, o rexedor visitou tamén  ás xogadoras da selección española sub21, que se atopan concentradas en Lugo ata o 2 de xullo. Entre elas destacan as lucenses Candela López e Olalla González, que preparan xunto co resto do equipo os seus próximos compromisos internacionais, entre eles un amigable fronte a Portugal o 28 de xuño.

⚙ Configurar cookies
0.16637897491455