Lugo converteuse en epicentro da natación galega co Campionato Galego Absoluto de Inverno

A piscina municipal de Frigsa, en Lugo, acolleu durante a fin de semana o Campionato Galego de Natación Absoluto de Inverno, unha cita organizada polo CN Portamiñá que reuniu preto de 400 deportistas procedentes dunha trintena de clubs de toda Galiza. A competición converteu a cidade de Lugo nun referente da natación galega ao longo de toda a fin de semana, cun elevado nivel deportivo e unha ampla participación.
O club lucense confirmou o seu protagonismo na última xornada do campionato, na que acadou varios podios e ratificou o seu liderado na natación galega ao proclamarse Campión Galego tanto na categoría masculina como na feminina, ademais de conquistar tamén o título na clasificación conxunta.
No apartado de marcas, Martín, Alejandro, Pablo e Brais estableceron un novo récord galego nas probas de 4x100 estilos e 4x50 estilos, mentres que Martín, Pablo, Antonio e Brais fixeron o propio nos relevos de 4x50 libres e 4x100 libres. A nivel individual, Martín logrou tamén un novo récord galego na proba de 50 libres.
A actuación do CN Portamiñá completouse cos resultados de Celia López-Freire Francia, que asinou a segunda mellor marca galega de 15 anos e conseguiu ademais a mellor marca galega na proba de 100 espalda, pechando unha fin de semana de éxitos para a natación lucense.