Lugo converteuse na capital galega da danza
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua fixo unha valoración positiva das actividades de danza organizadas nas últimas semanas, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Danza e coa celebración do 20 aniversario do Conservatorio de Danza de Lugo. "Lugo converteuse na capital galega da danza con distintas actividades ao longo das últimas semanas que trouxeron a afeccionados e estudantes desta arte procedentes de toda Galiza", afirmou a concelleira de Cultura, que engadiu "renovamos o noso apoio co conservatorio de danza de Lugo e coas escolas de baile e danza para continuar a difundir as distintas formas desta arte".
O auditorio municipal Gustavo Freire acolleu dúas mostras organizadas en colaboración co Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. O 30 de abril celebrouse un concurso coreográfico con traballos de Doris Humphrey e José Limón, dous dos principais nomes da danza no Século XX. O 1 de maio tivo lugar un encontro de centros de danza que amosou o traballo dos distintos centros galegos.
As escolas de baile e danza de Lugo organizaron o festival Primavera e danza, que conta coa colaboración da Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo a través da área de Cultura, que tivo lugar entre o 24 de abril e o 4 de maio, coas distintas escolas realizando exhibicións no fondo da praza Maior, e rematou onte, 6 de maio cun espectáculo de fusión de distintos estilos no Gustavo Freire a partir das 20.00.
Ferreiro afirmou que con esta iniciativa a Tenencia de Alcaldía continúa a apoiar á danza "aumentando a nosa aposta, despois de contar cunha programación estable de danza ao longo de todo o ano". O ciclo Lugo en Danza, unha programación específica desta arte organizada ano a ano no auditorio municipal, contou este ano con 8 actividades no seu primeiro semestre, co último espectáculo, Afectos, de Kirenia Danza, aínda por celebrarse o vindeiro 18 de maio.
O ciclo Lugo en Danza formou parte no ano 2023 do circuíto de programación Circula, ao obter o apoio da Plataforma das Artes do Movemento de Galiza. Naceu co obxectivo de facilitar a mobilidade das e dos profesionais da danza, e está impulsado por asociacións profesionais de danza de Catalunya, Cantabria, Madrid, Comunidade Valenciana, Andalucía e do País Vasco.