Lugo convoca ao sector da hostalaría e do turismo a unhas xornadas sobre o Club de Produto Enogastronomía de Lugo

LugoXa
As sesións informativas celebraranse os días 13 e 14 de xaneiro no Concello de Lugo en catro quendas para facilitar a participación das empresas interesadas
Turismo-Lugo-club-de-produto
8 Jan 2026

O Concello de Lugo vén de convocar aos empresarios e empresarias do sector da hostalaría e do turismo a participar nas xornadas informativas do Club de Produto Enogastronomía de Lugo, unha iniciativa dirixida a impulsar a colaboración e a promoción do sector a través dunha proposta conxunta vencellada á identidade gastronómica da cidade.

Co obxectivo de facilitar a asistencia do maior número posible de entidades interesadas, organizaranse catro xornadas informativas que se desenvolverán os días 13 e 14 de xaneiro no propio Concello de Lugo, con dúas quendas por día, ás 11:00 horas e ás 17:00 horas. As empresas deberán escoller unha das quendas dispoñibles para formalizar a súa participación.

Durante as sesións presentarase o club de produto e explicarase o seu funcionamento, facendo fincapé nas características da iniciativa e nos beneficios que pode achegar aos distintos axentes do sector na cidade. Tamén se detallarán os requisitos que deberán cumprir as empresas interesadas, así como o plan de traballo previsto, reservándose un espazo final para a resolución de dúbidas e cuestións por parte das persoas asistentes.

Para poder participar nas xornadas é necesario realizar unha inscrición previa na quenda seleccionada, que poderá formalizarse a través do correo electrónico participalugo@avivae.com ou chamando ao teléfono 722 775 140.

⚙ Configurar cookies
0.080790042877197