Lugo convoca as subvencións a asociacións sen ánimo de lucro

O Goberno Local, a través da Concellería de Benestar Social e Maiores, que dirixe Olga López Racamonde, aprobará a convocatoria de subvencións a asociacións sen ánimo de lucro para financiar actividades de interese social a desenvolver ao longo deste 2025. Será o mércores, na Xunta de Goberno Local, cando o Executivo Municipal de luz verde a esta convocatoria, coa aprobación dun orzamento de 38.000 euros, similar a de anos anteriores, reservados á execución destes programas de carácter social. A edil responsable desta área Olga López Racamonde destaca a importancia destas axudas para “por unha banda promover o desenvolvemento de programas de interese social ao tempo que favorecemos ao tecido asociativo da nosa cidade, incentivando a súa capacidade de traballo a prol da comunidade nos seus diferentes eidos de actuación, sempre en aras do benestar social”.
A concesión destas subvencións farase a través dun procedemento de concorrencia competitiva, ao que poderán concorrer as asociacións domiciliadas en Lugo, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, que estean ao corrente das súas obrigas tributarias e que cumpran cos requisitos das bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, na páxina web do Concello (http://concellodelugo.gal), no Taboleiro Electrónico e no Portal de Transparencia e Bo Goberno do Concello de Lugo.
Serán polo tanto beneficiarias destas axudas as entidades sociais que traballan con colectivos en risco de exclusión social, como persoas desempregadas de longa duración, menores de 25 anos demandantes de emprego, persoas maiores en situación de vulnerabilidade, persoas con diversidade funcional, minorías étnicas, reclusos ou ex reclusos ou persoas inmigrantes, entre outros colectivos desfavorecidos.
A edil de Benestar Social e Maiores chama a atención sobre os cambios introducidos ao longo do ano pasado e que beneficiarán a estas asociacións e ás actividades a desenvolver ao longo do actual exercicio. A principal, sinala Olga López Racamonde, é que a diferencia de anos anteriores “coa aprobación en novembro pasado do novo modelo de concesión de subvencións a asociacións, achégase por unha banda máis axilidade na tramitación das achegas, simplificando os trámites administrativos, pero ademais prevese un pagamento anticipado do 50 por cento do importe da subvención, en concepto de entrega de fondos con carácter previo á xustificación”.
Estes anticipos permitirán, a xuízo de Olga López Racamonde, “un mellor funcionamento e planificación dos programas realizados desde as asociacións de carácter social, ademais de canalizar dunha forma máis rápida e efectiva as subvencións previstas nas contas municipais”.
De acordo aos criterios de avaliación, os programas que presenten as asociacións obterán determinadas puntuacións, polo que poderán optar a tres tipos de subvencións: de 1.700; de 3.350 e de 5.000 euros. A data límite para xustificar a totalidade da subvención outorgada será o 31 de xaneiro de 2026, xa que se terán en conta os gastos derivados dos programas desenvolvidos ao longo de todo o exercicio actual.