Lugo cortará ao tráfico unha vintena de rúas por unha proba deportiva

LugoXa
O Concello de Lugo presentou hoxe o plan de tráfico de cara a garantir a seguridade viaria durante unha proba deportiva este domingo
carreira pernas
20 Maio 2022

O Concello de Lugo advertiu hoxe do corte de diversas rúas da cidade, o vindeiro domingo, por mor dunha proba deportiva.

Así, as vías incluídas no percorrido e que serán cortadas ao tráfico dende as 9.30 horas do domingo serán a avenida Ramón Ferreiro, avenida Anxo López Pérez, Rolda da Muralla, avenida da Coruña, rúa Montefaro, rúa Manuel María, rúa Otero Besteiro, rúa Anselmo Sampedro Ania, rúa da Milagrosa, rúa Xulia Minguillón, rúa Bo Xesús, praza Santa María, praza Maior, rúa da Raíña, praza Santo domingo, rúa Quiroga Ballesteros, rúa Amor Meilán, rúa San Fernando, rúa San Marcos, rúa do Progreso, rúa San Pedro, praza Anxo Fernández Gómez, praza Campo Castelo, rúa Bispo Aguirre, avenida de Rodríguez Mourelo e rúa Puro Cora.

Debido á duración das restricións, que se concentrarán entre as 09.30 e as 13.00 horas, e co obxectivo de minimizar os efectos sobre o tránsito rodado e o transporte público, permitirase a circulación de vehículos en certos treitos do circuito.

Así o carril dereito da Rolda da Muralla dende a rúa San Roque ata a intersección con rúa Monforte estará dispoñible ao tráfico de vehículos. Do mesmo xeito, a avenida Ramón Ferreiro, dende a rúa Cornubia ata a Fonte do Rei, terá unha liña de conos para separar a circulación de vehículos polo carril dereito dende Cornubia e o exterior da Fonte do Rei cara San Roque.

Os residentes na praza de Avilés e usuarios da avenida García Portela poderán saír pola rúa Armando Durán.

Asemade, o Concello de Lugo permitirá a saída de residentes, na medida do posible a través de distintos puntos da cidade. Así residentes en carril dos Loureiros e rúa Vilalba, poderán saír por esta última hacia a Rolda da Muralla, en sentido contrario ata a rúa Santiago.

Residentes na rúa Montevideo tamén sairán en sentido contrario á circulación cara a rúa Xermán Alonso. Por último, os que desexen saír da rúa Curros Enríquez farano pola intersección da avenida da Coruña cara a rúa Illas Cíes.

0.077530860900879