Lugo destaca en sostibilidade ambiental, liderado feminino e accesibilidade na vivenda, segundo o Atlas Urbano

O Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia volve poñer o foco nas fortalezas e retos das cidades galegas a través da súa terceira edición. O informe, elaborado por Economía Dixital de Galicia, analiza máis de 80 indicadores clave sobre demografía, vivenda, mobilidade, medio ambiente, economía, innovación e turismo nas sete principais urbes galegas.
No caso da área urbana de Lugo, na que tamén se inclúen os concellos de Outeiro de Rei e O Corgo pola súa forte interdependencia en mobilidade e servizos, o estudo salienta varios aspectos positivos. A cidade destaca especialmente pola súa sostibilidade ambiental, cun contorno natural privilexiado e baixos niveis de emisións. Tamén sobresaen a súa capacidade para reter poboación moza e a calidade de vida, así como uns prezos de vivenda máis accesibles ca noutras cidades, tanto para compra como para alugueiro.
Outro dato relevante é o elevado liderado feminino no sector tecnolóxico lucense, cun 55 % das empresas lideradas por mulleres, o que posiciona Lugo á cabeza en Galicia neste eido.
En canto ás debilidades, o informe apunta ao envellecemento da poboación e á excesiva dependencia do coche privado para os desprazamentos. Neste sentido, reclamouse á Xunta de Galicia un maior compromiso para mellorar as conexións e facilitar a vida no rural.
Na presentación participaron o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca; o director de Economía Dixital de Galicia, Julián Rodríguez Moscoso; e o coordinador do Atlas, Xosé Gabriel Vázquez, que puxeron en valor a utilidade deste estudo para tomar decisións públicas con visión estratéxica e de futuro.