Lugo destina 50.000 euros a proxectos de cooperación e sensibilización social das ONGD

A área de Cohesión Social do Concello de Lugo presentou unha nova convocatoria de subvencións destinada a apoiar o labor das organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (ONGD), cun orzamento total de 50.000 euros. O obxectivo é reforzar o traballo solidario das entidades que loitan contra a desigualdade e promoven o desenvolvemento humano, tanto a nivel internacional como na propia cidade.
Dos 50.000 euros, 40.000 euros estarán destinados a proxectos de cooperación internacional en países e territorios prioritarios, mentres que 10.000 euros se dedicarán a accións de sensibilización e educación para o desenvolvemento que se leven a cabo en Lugo.
O Concello de Lugo colabora con entidades sociais a través de subvencións, convenios de colaboración, cesión de espazos e o impulso do voluntariado, dentro dun compromiso global da área de Cohesión Social por fortalecer o terceiro sector, fomentar a innovación social e apoiar proxectos que melloren a vida das persoas e o desenvolvemento comunitario.
As subvencións financiarán iniciativas orientadas á igualdade de xénero, á defensa dos dereitos humanos, ao acceso á educación e á saúde, así como ao desenvolvemento sostible. As entidades solicitantes deben estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación, acreditar experiencia previa e presentar proxectos executables durante o exercicio 2025. O Concello poderá asumir ata o 90 % do custo total, mentres que as organizacións beneficiarias achegarán o 10 % restante.
A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, destacou que “a cooperación internacional é unha mostra do compromiso de Lugo cunha sociedade máis xusta, pero tamén unha ferramenta educativa que nos axuda a comprender os desafíos comúns e a fomentar valores de solidariedade”.
López Racamonde salientou ademais que “as ONGD de Lugo desenvolven un labor fundamental, moitas veces discreto, pero de enorme impacto, e merecen o apoio das institucións públicas para seguir achegando esperanza e oportunidades a quen máis o necesita”. A responsable subliñou que “estas axudas reafirman a aposta do Concello por unha política de cooperación coherente e estable, que combina o apoio á acción internacional coa sensibilización social no noso territorio”.