Lugo destina un millón de euros a accións para dinamizar os barrios e a zona rural
O Concello de Lugo mobilizará un millón de euros nunha estratexia de reconstrución e reactivación económica dos barrios da cidade a través do impulso e a modernización do comercio e a hostalería. A alcaldesa, Lara Méndez, presentou este luns a iniciativa, que se desenvolverá en dous plans -un plan de dinamización de barrios e un plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial- e que se prevé aprobar na xunta de goberno do vindeiro mércores para sacala logo a licitación. A idea é iniciala no verán e o seu prazo de execución é de 12 meses.
"Desde o Concello de Lugo estamos a realizar o maior esforzo inversor da historia de Lugo para reconstruír a danada economía local que nos deixa a pandemia e as sucesivas restricións sanitarias”, salientou a rexedora. O plan complementa ao de axudas directas anunciado a semana pasada e dotado con outro millón de euros.
PLAN DE DINAMIZACIÓN DOS BARRIOS
A finalidade deste plan é dinamizar o conxunto da cidade para atraer a potenciais consumidores e público en xeral, combinando a oferta de lecer e entretemento coa formación e o asesoramento dirixidos a locais comerciais e de hostalería para que resulten máis atractivos. Contempla as seguintes actuacións:
1.- Creación de marca de barrio e fomento da identidade dos barrios. Lara Méndez anunciou a creación dun mapa comercial dos barrios, creando a marca de cada un deles “cunha proposta relevante sobre os produtos e servizos que os comerciantes e hostaleiros ofrecen, xerando unha vantaxe competitiva. Terase en conta por tanto a idiosincrasia, así como a historia e as tradicións propias de cada barrio”, comentou.
Para levar a cabo esta programación establécense cinco agrupacións de barrios ou zonas de actuación: A zona 1 sería o centro histórico e A Tinería; a zona 2, A Milagrosa, Barrio Feijoo e Avenida da Coruña; zona 3, A Residencia, Piringalla, Casás, O Castiñeiro, Garabolos, Albeiros, Castelo e A Chanca; a zona 4, Fingoi, Acea de Olga, Augas Férreas, Recatelo, Ramón Ferreiro, San Roque, Paxariños, Montirón e San Fiz; a zona 5, Fontiñas, A Estación, A Cheda, Ángel Carro, A Ponte, A Louzaneta, Sagrado Corazón, As Gándaras e Galegos.
2.- Campañas de apoio á hostalería e ao comercio da zona. Coa finalidade de encher de vida estas zonas, realizaranse programas de lecer de forma periódica como os 'tardeos' e 'noiteos', "que tanto éxito obtiveron o pasado ano", con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento.
3.- Potenciarase a plataforma de comercio en liña e porase en marcha un proceso de formación e dixitalización do pequeno comercio e da hostalería, con asesoramento e acompañamento nas redes sociais, fomentando a imaxe de marca, o comercio electrónico, o uso de plataformas electrónicas e repartidores locais.
4.- Campañas estacionais e en datas sinaladas: Samaín, San Valentín, Nadal, rebaixas de inverno e rebaixas de verán.
5.- Formación e asesoramento sobre escaparatismo-iluminación e packaging.
6.- Organización de mercadiños nas rúas fomentando a dinamización dos barrios. Estes mercadiños, como o San Pedrín ou a Milagrosiña, desenvolveranse con carácter trimestral en cada zona de actuación, sendo catro os mercadiños para realizar por cada zona.
PLAN DE FOMENTO DO EMPRENDEMENTO
Neste caso, e co obxectivo de revitalizar o tecido empresarial e apoiar aos emprendedores, desenvolverase un plan de acción cuxos eixos principais serán os viveiros municipais do Cei Nodus e da Tinería. "Trátase de que os viveiros municipais se convertan en centro de desenvolvemento de negocios, fomentándose os encontros co tecido empresarial xa consolidado, así como canalizando sinerxías, de interese para todos os emprendedores e empresarios", explicou Lara Méndez.
Así, o plan inclúe cuestións como o desenvolvemento de actividades de formación para a difusión da cultura emprendedora, accións de dinamización específicas para o desenvolvemento económico e social do barrio da Tinería -como actuacións musicais, eventos gastronómicos, recreacións históricas e actividades infantís-, a celebración de mercadiños nos viveiros de empresa municipais ou a elaboración dun estudo específico sobre a zona rural do municipio. Este estudo relativo ás parroquias analizará, por exemplo, a comercialización de produtos, a comunicación e redes sociais ou eventos a realizar.
Como colofón destas actuacións, o plan prevé organizar un congreso internacional na cidade relacionado co emprendemento, "buscando que sexa un referente no que expor novos retos".