Lugo disporá este verán dunha brigada de prevención de incendios forestais

LugoXa
Solicitouse a súa creación debido á gran masa forestal do municipio que cómpre atender e que ocupa máis do 60% do territorio.
helicoptero incendio forestal lume
12 Xul 2021

O Concello de Lugo disporá este verán dunha brigada de prevención de incendios forestais. A área de Medio Ambiente solicitou a súa creación debido á gran masa forestal coa que conta o municipio e que ocupa máis do 60% do seu territorio.

Así pois, anunciouse que esta semana a Xunta de Goberno Local aprobou as bases de selección, para contratar a un total de 7 persoas que comporán a brigada, entre eles un capataz, cinco peóns forestais e un peón tractorista. 

As labores que desempeñarán serán de vixilancia, extinción e prevención de incendios, como pode ser a roza e eliminación de biomasa, para o que empregarán tanto métodos manuais como mecanizados. Así pois, o contrato contará cunha duración de tres meses que se corresponden cos de xullo, agosto e setembro cando se rexistran as maiores temperaturas do ano e, por tanto, existe un maior risco de incendio.

Desta maneira, explicouse dende o Concello que as persoas interesadas en participar no proceso selectivo poderán presentar a súa solicitude nos 5 días hábiles seguintes á publicación oficial do anuncio no Boletín Oficial da Provincia, no Taboleiro de Anuncios e na páxina web do Concello.  

“As e os aspirantes deberán pasar primeiro unha proba teórica, contestando un cuestionario tipo test de 25 preguntas, con tres opcións cada unha, baseadas en temarios específicos para cada un dos tres postos ofertados. A segunda fase do proceso será a baremación de méritos para o que se terá en conta tanto a experiencia profesional como os servizos realizados e a titulación e, ademais, deberán superar un exercicio físico de esforzo”, indicou o concelleiro, Miguel Fernández. 

Miguel Fernández destacou que “coa incorporación desta brigada dotámonos de efectivos propios para poder atender os nosos montes coa debida axilidade en caso de declararse algún fogo, pero tamén de maneira responsable traballando para que estes non cheguen a producirse mantendo a raia o crecemento da vexetación e diminuíndo os niveis de perigo”. 

O tenente de alcaldesa e portavoz municipal indicou, igualmente, que esta semana o equipo de goberno validou, alén, as bases para seleccionar a catro socorristas que desenvolverán, por quendas, labores de vixilancia e salvamento acuático nas áreas recreativas fluviais durante dous meses. 

A convocatoria, publicada ao abeiro das achegas autonómicas para o fomento e mellora da empregabilidade, cursouse a través da Oficina Pública de Emprego que realizou a escolla das e dos candidatos. Logo de celebrarse este venres as probas selectivas, as e os novos socorristas comezarán a traballar xa neste mesmo mes de xullo. 

0.18332386016846