Lugo é a cidade galega máis áxil no pagamento das facturas
Lugo abonou entre outubro e decembro un total de 1.887 facturas, principalmente a pequenos e medianos provedores, por valor de 21.474.156 euros, o 78% deste importe dentro do prazo legal establecido.
Esta é a principal conclusión – segundo sinalou a edil de Gobernanza - do informe de morosidade do cuarto trimestre do 2021, no que tamén se pon de manifesto a solvencia económica da administración local que no pasado exercicio conseguiu rebaixar o período medio de pago estimado (PMPE) nun 16%, até os 44’70 días, dentro dos 60 que determina a lei.
A responsable da área económica explicou que esta cifra aínda diminúe máis cando o que se se contabilizan son os días que transcorren dende que se aproba o gasto ata que se materializa o seu pago efectivo (PMP), un dato que en decembro chegou a baixar até os 6’86 días (cando o prazo legal establecido é de 30 días).
“Somos así, segundo reflicten os propios datos publicados polo Ministerio de Facenda correspondentes ao mes de novembro, a Administración local máis dilixente de toda a comunidade á hora efectuar estes pagos, fronte aos 40’32 días que tardou o Concello de Ourense, os 32’84 días de Santiago ou os 26’79 que rexistra Pontevedra”, referiu a tenente de alcaldesa.
“O documento constata que durante o pasado exercicio, grazas á implantación dos protocolos de traballo internos que estamos a aplicar, fomos quen de incrementar a cantidade de diñeiro que se paga en prazo aos provedores municipais”, indicou Paula Alvarellos, que tamén destacou que a maioría das facturas que quedan pendentes pertencen ou ben ás grandes compañías de subministración eléctrica e gas – pola súa especial dificultade na conformación – ou se corresponden con demoras nas que incorren as propias empresas á hora de presentar as facturas