Lugo e Ferrol revalidaron este sábado os 23 anos de irmandamento

LugoXa
A alcaldesa, Lara Méndez, recibiu a José Manuel Rey Varela no Concello para celebrar a xornada das festas patronais na que se conmemora o Día do Ferrol.
acto irmandamento ferrol san froilan
8 Oct 2023

A alcaldesa, Lara Méndez, recibiu a José Manuel Rey Varela no Concello para celebrar a xornada das festas patronais na que se conmemora o Día do Ferrol. A rexedora lucense puxo en valor o carácter reivindicativo e solidario de ambos os dous pobos, “clave na superación de etapas tan complexas como a que aínda atravesamos”.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu este sábado ao rexedor da cidade departamental con motivo da conmemoración do Día do Ferrol, no marco dos festexos do San Froilán.

O acto oficial na Casa Consistorial, ao que tamén acudiron as e os integrantes das dúas Corporacións así como medio cento veciños e veciñas de Ferrol, comezou coa sinatura de José Manuel Rey Varela no libro de Ouro do Concello.

Durante a recepción, a rexedora lembrou o inicio do irmandamento formal entre as dúas localidades hai máis de dúas décadas, co que se oficializa un vínculo moito máis antigo que se remonta ao ano 1906, a través da celebración de diferentes eventos musicais que deron pé ao intercambio de visitas e que logo de 1913 se xeneralizaron coa entrada en funcionamento do ferrocarril ata estes días.

“Unha longa relación de amizade vehiculada a través da cultura e as infraestruturas públicas. Elementos que constitúen a base da identidade dun pobo e que determinan o seu futuro e as súas posibilidades de crecemento e prosperidade. E hoxe, un século despois, a reivindicación de mellores servizos e dotacións para os nosos territorios segue a ser un fío común entre Lugo e Ferrol que poñemos de manifesto aproveitando esa unión que mantemos e que celebramos a través das festas patronais”, sinalou a rexedora.

Durante a súa intervención, Méndez puxo en valor tamén “a orixe loitadora das dúas cidades, representadas co Castelo, no voso caso, e coa Muralla, no de Lugo, dous símbolos identitarios que nos permiten recordar que a ferrolá e a lucense son vilas loitadoras e as súas xentes valerosas”.

“Unha cualidade que define o noso carácter ao longo da historia e que, alén de ser o noso maior patrimonio, resultou clave para superar etapas tan complexas como as que vivimos e estamos, aínda, atravesando. Esa afouteza, apoiada nun espírito reivindicativo pero tamén solidario ten como froito dúas sociedades comprometidas que, ao longo do tempo, levan demostrado a súa vontade de traballar conxuntamente para acadar o desenvolvemento do norte de Galicia”, afirmou a mandataria en alusión ao labor que as dúas Administracións levan realizado para acadar o incremento das conexións viarias e ferroviarias para viaxeiros e mercadorías así como a súa entrada no Corredor Atlántico .

“Porque hoxe é un día de celebración, de enxalzar os lazos que nos unen pero tamén de amosar a nosa unión á hora de seguir reclamando, sempre no camiño do entendemento e a colaboración institucional, as necesidades que compartimos e que están a determinar a nosa competitividade como territorio”, sostivo a alcaldesa.

Antes de rematar, Lara Méndez fixo fincapé na transcendencia que terán para as dúas cidades os proxectos de transformación iniciados en mandatos pasados.

“A súa continuidade resulta fundamental para afrontar con prosperidade os desafíos que temos por diante. A realidade está a amosarnos dende hai tempo que a sostibilidade debe ser o eixo das políticas públicas e que cada territorio ten as súas potencialidades - que cómpre saber ver e aproveitar, da man dos recursos do Plan de Recuperación - para convertelas nas ferramentas dun crecemento respectuoso pero que, sobre todo, se traduza en benestar para a cidadanía.

Nese labor as Administracións temos a responsabilidade de escoitar e responder con rigor para que a nosa traxectoria no servizo público reverta positivamente no conxunto da poboación e, especialmente, na da máis vulnerable”, concluíu a alcaldesa de Lugo.

Pola súa parte, o rexedor ferrolán dedicou as primeiras palabras da súa intervención para trasladar a súa satisfacción por poder compartir con Lugo estes días de festa ao tempo que manifestou un sentimento de gran admiración por Lugo “que soubo adaptarse aos novos tempos”, dixo.

Rey Varela compartiu igualmente as mesmas reivindicacións sinaladas pola alcaldesa “para que as dúas cidades teñan conexións, trazados e velocidades ferroviarias acordes ao século XXI, ao tempo que reclamou unha maior financiación para as Administracións locais, por ser a porta de entrada do maior número de demandas que achega a cidadanía”.

Xa para finalizar o encontro, os mandatarios locais realizaron un intercambio de agasallos. Lara Méndez entregou a Ferrol o cadro que obtivo o accesit no 23º certame de pintura rápida, da autora Piedad Santamaría, que recrea a Casa Consistorial, que este ano cumpre 450 anos da súa construción. E Rey Varela deu a Lugo unha escultura de Sargadelos formada por dúas botellas antropomórficas que simbolizan un home e unha muller e que o Concello ferrolá entrega ás madriñas e padriños das rondallas na festa das Pepitas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18934202194214