Lugo é protagonista na plataforma-documental Future of Timber
O Concello de Lugo é un dos protagonistas da recentemente estreada plataforma-documental Future of Timber impulsada pola fundación holandesa Built by Nature, unha das entidades promotoras da rede Mass Madera á que pertence a administración local.
A rexedora, Paula Alvarellos, xunto a técnicos municipais, participou na gravación dun audiovisual enmarcado no proxecto Evolving Forest, a través do que se están a realizar unha serie de curtos sobre como impulsar a construción en madeira en Europa.
Neste senso, a alcaldesa destacou a escolla do Concello de Lugo “como exemplo de desenvolvemento sostible, destacando o papel proactivo que exercemos como administración, levando a cabo a implantación de medidas e de políticas que apostan pola resiliencia fronte ao cambio climático, consecuentes e responsables coa realidade ambiental que vivimos e, sobre todo, acordes aos retos que as cidades debemos asumir nese sentido, apostando pola conservación dos bosques e polo seu aproveitamento respectuoso e sostible como xerador de riqueza e de dinamización industrial”.
O equipo de Evolving Forest mostrou o seu interese en coñecer as instalacións do Impulso Verde, co obxectivo de dalo a coñecer internacionalmente como exemplo de edificación sostible, mediante esta nova plataforma-documental, así como o modelo de cidade que está a impulsar o goberno local da man da alcaldesa, Paula Alvarellos.