Lugo e Sarria convértense no centro das protestas que reclaman un novo Plan Eólico para Galicia

Centos de galegas e galegos saíron á rúa para denunciar o espolio do territorio e reclamar un novo Plan Eólico para Galicia que sexa xusto coa cidadanía, sustentábel e orientado ao benestar do pobo.
Esta nova convocatoria reivindicativa da Coordinadora Eólica Así Non, que agrupa colectivos e entidades críticas co actual modelo eólico, desenvolveuse en distintas comarcas especialmente afectadas pola proliferación descontrolada de parques eólicos, entre as que destacan Lugo e Sarria.
As mobilizacións coincidiron co recente anuncio da Xunta sobre un novo Plan Eólico para Galicia, unha demanda que o movemento Eólica Así Non leva esixindo desde hai máis de tres anos para frear a implantación masiva, desordenada e con tintes coloniais da enerxía eólica.
"Porén, o novo plan proposto polo goberno autonómico non busca regular a expansión eólica de maneira equitativa, senón consolidar o modelo depredador xa existente e reforzar os privilexios das empresas eléctricas en detrimento do interese xeral", sosteñen.

Así, a través do manifesto 'Non ao espolio da nosa terra', a Coordinadora Eólica Así Non cualificou o novo plan como un engano, xa que exclúe dos espazos de diálogo as comunidades afectadas e as organizacións sociais e ecoloxistas que se opoñen á expansión descontrolada da enerxía eólica. Ademais, non contempla unha moratoria para os proxectos eólicos en trámite ou pendentes de execución ata a aprobación dunha nova regulación, senón que facilita a reactivación daqueles proxectos que foron suspendidos cautelarmente pola xustiza.
As persoas mobilizadas reivindicaron o seu dereito a participar na elaboración da nova planificación eólica da Xunta, instando a que se teña en conta a proposta alternativa da Coordinadora Eólica Así Non.
Entre os seus principios fundamentais, esta alternativa defende unha planificación enerxética pública que priorice o benestar da cidadanía, garanta o dereito a vivir e traballar na terra, protexa sectores esenciais como a agricultura e a gandería, abarate o prezo da electricidade cunha tarifa eléctrica galega e promova o autoconsumo, as comunidades enerxéticas e o aproveitamento dos recursos locais en beneficio da poboación.